Nova: Anxo M. Lorenzo destaca a aposta da Xunta por propostas culturais "diversas e de calidade" que contribúen á dinamización dos barrios

01/06/2026

Anxo M. Lorenzo destaca a aposta da Xunta por propostas culturais "diversas e de calidade" que contribúen á dinamización dos barrios

A iniciativa conta co apoio do Goberno galego e desenvolverá obradoiros, rutas, gastronomía e música, con concertos como o de Carlos Núñez na praza da Colexiata

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou hoxe a aposta da Xunta por contribuír “a través de propostas culturais diversas e de calidade á dinamización dos barrios.” Así o salientou na presentación da programación do festival Folk na Beira do Sar, que se celebrará ao longo desta fin de semana en Santiago de Compostela e que conta coa colaboración do Goberno galego.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convidou hoxe a gozar das diversas propostas que reúne o certame, que se desenvolverá desde este venres, día 5, ata o domingo, día 7, organizando obradoiros, rutas, gastronomía e música, e como gran peche o concerto do gaiteiro Carlos Núñez na praza da Colexiata.

Ao respecto deste festival, Anxo M. Lorenzo puxo en valor que procura dinamizar a vida dos barrios a través de proposta de lecer cultural de interese para todos os públicos, “na liña da estratexia da Lei de cultura inclusiva e accesible, pioneira en Europa e que ten, entre os seus obxectivos, descentralizar a programación cultural”.

De igual forma, enxalzou do certame a súa aposta por “achegar a cultura popular a toda clase de público e facelo partícipe de xeito que se manteña viva co paso do tempo”, á vez que gabou que lle dea pulo na súa programación a “grupos e artistas noveis, de xeito que poidan amosar o seu traballo e lle sirva como plataforma para darse a coñecer”.

Comparte