Nova: A Xunta impulsa con 870.000 euros a creación de 33 novos espectáculos de 30 compañías galegas

29/05/2026

A Xunta impulsa con 870.000 euros a creación de 33 novos espectáculos de 30 compañías galegas

A resolución das axudas de 2026, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, apoia propostas de teatro, circo, danza e artes do movemento

A reserva de 300.000 euros para plans plurianuais adxudícase aos proxectos ata 2028 de Ártika Cía., Elefante Elegante e Malasombra Producións

As bases destinan 400.000 euros para teatro, novo circo e maxia, 100.000 para danza e artes do movemento e 70.000 para traballos de nova creación

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2026

A Xunta de Galicia resolveu a concesión de 870.000 euros en subvencións á creación escénica, coa que impulsa a produción de 33 novos espectáculos de teatro, circo, danza e artes do movemento a cargo de 30 compañías galegas. A convocatoria, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, mantén a dotación económica acadada en 2025, cando experimentara un incremento do 8,7% respecto ao ano anterior, e continúa a reservar 300.000 euros para a modalidade plurianual.

As tres novas beneficiarias deste devandito apartado, dirixido a formacións con cando menos 10 anos de traxectoria e unha solidez acreditada, son Ártika Cía., Elefante Elegante e Malasombra Producións, que recibirán cadanseus 100.000 euros para desenvolver os seus plans de traballo no período 2026-2028. Outras 27 formacións artisticas de distintos estilos e formatos contarán tamén con financiamento para poñer en pé as súas vindeiras montaxes.

Planificacións a medio prazo

Así, a viguesa Ártika Cía. desenvolverá dous espectáculos dirixidos por Tito Asorey. O primeiro deles, Isto non é un acto político, con estrea prevista no outono, parte do ensaio Instrucións para converterse en fascista, da autora italiana Michela Murgia, para reflexionar sobre o ascenso dos discursos totalitarios e a ameaza que supoñen para a igualdade ou a xustiza social. O segundo, Falso fracaso, xa o ano que vén, afondará na Xeración do 27 a través de figuras como Juana Capdevielle e Federico García Lorca.

Elefante Elegante recibe tamén apoio para o seu proxecto escénico trianual, integrado por Torre de Babel e Money, dúas creacións dirixidas por María Torres e Gonçalo Guerreiro. A primeira, con estrea prevista para marzo de 2027, será unha proposta de linguaxe xestual para público infantil arredor da amizade, a solidariedade e a empatía fronte ao individualismo. A de 2028 dirixirase ao público adulto cunha ollada crítica á precariedade laboral, á especulación, á desigualdade e á distancia entre a clase traballadora e as elites económicas.

Malasombra Producións artellará a súa actividade arredor de A visita da vella dama, de Friedrich Dürrenmatt, con estrea en novembro de 2026, e Cotorras, de Audrey Schebat. Baixo a dirección de Pablo Reboleiro Rama, ambas as propostas comparten unha reflexión sobre a ética, o poder e as contradicións entre os valores que se proclaman publicamente e as decisións que se toman cando entran en xogo o diñeiro, o prestixio ou a preservación dunha aparente normalidade.

Teatro e circo

A modalidade de creación escénica no ámbito do teatro, novo circo e maxia distribúe 400.000 euros entre 14 proxectos dos dous primeiros xéneros. Figuran na listaxe A velada de Londres, de ButacaZero, dirixida por Javier Castiñeira, arredor da outredade, o medo ao estranxeiro e o desexo, a partir da obra de Manuel Lourenzo; O sangue das promesas: Incendios, de Sarabela Teatro, dirixida por António Augusto Barros e Ánxeles Cuña Bóveda, que se presenta como coprodución transfronteiriza entre Galicia e Portugal arredor da violencia política, o amor maternal e a procura da verdade; Os berros do silencio, de Aantena, unha creación colectiva e feminista sobre a memoria das mulleres da Costa da Morte; e Crónica do rei pasmado, de Contraproducións, adaptación de Cándido Pazó da novela de Gonzalo Torrente Ballester, que chegará aos escenarios como fábula sobre o medo, a hipocrisía e o poder. Todas as anteriores propostas chegarán aos escenarios no mes de setembro.

Nesta modalidade tamén se inclúen varios proxectos que se estrearán en outubro: Telma & Lola, de Teatro de Ningures, dirixida por Salvador del Río para se estrear en outubro, sobre novos comezos e segundas oportunidades nunha vila costeira; Sanxenxo, de Ainé Producións, comedia familiar dirixida por José Luis Prieto, arredor da incomunicación xeracional, o turismo agresivo e a incerteza ante o futuro; e A arte da guerra de Mofa e Befa, de Producións Teatrais Excéntricas, baixo a dirección de Carlos Santiago a partir do clásico de Sun Tzu.

En novembro poderanse ver Curie ou a simetría dos fenómenos físicos, a cargo de Empatía Teatro, dirixida por Santiago Cortegoso e sobre a transcendencia científica e social desta muller pioneira; Vento mareiro non dá voltas, de Teatro do Noroeste, dirixida por Carlos Álvarez-Ossorio, sobre os conflitos dunha familia atravesada por tensións sociais e políticas; Un veciño normal, de Artefeito Producións, dirixida por Sara Rey e centrada na violencia machista no fogar, así como Radio-Teatro, de Nauta Teatro, con dirección de Jorge Rey, arredor dos vínculos, a comunicación e a construción de alternativas. Completan a relación de adxudicatarios que verá a luz xa en 2027 Clic, de Culturactiva Producións, con dirección de Victoria Pérez, sobre o roubo do tempo da infancia; Valle-Inclán, de Teatro Escena, con dirección de Jorge Rey como proposta de marionetas para público xuvenil; e O elefante que perdeu o seu ollo, de Caramuxo Teatro, dirixida por Laura Sarasola, unha fábula infantil sobre a calma fronte ás dificultades.

Danza e novas voces

No  ámbito da danza e das artes do movemento, a Xunta adxudica un total de 100.000 euros a sete proxectos. Rito, de Nova Galega de Danza, no que a compañía de Jaime Pablo Díaz propón unha inmersión no Triángulo Máxico do Entroido ourensán; Ngoma, de La Guajira, con dirección de Ana Beatriz Pérez e Armando Martén Caballero, que investiga o corpo como memoria viva e transmisión entre xeracións; e Livres, de Dani Blanco con dirección de Paula Quintas, que combina danza, música e clown arredor dos libros como ferramenta de coñecemento e liberdade. Tamén reciben axuda nesta categoría Mioclonía, de Teatro Ensalle, dirixida por Pedro Fresneda, sobre a tensión entre mente e corpo; Croix, de Paula Quintas Cía., con dirección de Vivian Friedrich, Rut Balbís e Paula Quintas, unha conferencia escénica sobre danza, corpo, artes plásticas e novas tecnoloxías; Abúrrome, da compañía de Marta Alonso Tejada, un dispositivo participativo para grupos reducidos arredor do aburrimento como motor creativo; e O crebanoces, de Thinking Up Events, dirixido por Mercedes Suárez, que une literatura, música, danza e maxia coa colaboración da Orquestra Sinfónica de Galicia.

As bases destinan outros 70.000 euros a seis proxectos de compañías de nova creación: Guanha, de Julia Laport, que investiga as estratexias de arraigo dos corpos migrantes a través do movemento; Estuario, de Amarelo Producións, codirixida por Nacho Martín e Julia Laport, que parte dunha reflexión sobre o estancamento, os bucles cotiáns e a aprendizaxe vital na idade adulta; e Virxinia, unha muller espida, de Constance Hurlé, que aborda a violencia estética e o impacto dos canons corporais na saúde mental. Tamén reciben apoio Wellcome!, de NegroLópez, con dirección de Pablo Sánchez e interpretación de Iván Dávila, un solo de clown e teatro físico sobre a chegada a un territorio cultural alleo; Que será da festa?, colaboración entre Amorodio Teatro e Enésima dirixida por Ailén Kendelman Mouzo e Areta Bolado, centrada na memoria festiva do rural galego; e O miradoiro, de Alomais Teatro, con texto e dirección de Isa Fernández, arredor das relacións contemporáneas, os coidados, a culpa, a saúde mental e o illamento.

A convocatoria para creación escénica é a principal das liñas de subvencións que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina ao sector profesional das artes escénicas, que en 2026 tamén conta, entre outros apoios, coas axudas para a programación das salas privadas, a organización de festivais, a distribución de espectáculos e a contratación de compañías galegas mediante o programa Cultura no Camiño.

Comparte