Nova: López Campos pon en valor o pulo socioeconómico que a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial supón para a zona
27/05/2026
López Campos pon en valor o pulo socioeconómico que a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial supón para a zona
Salienta que grazas á implicación das Administracións, entidades e veciñanza tense acadado “un territorio máis vivo ca nunca co agromo de importantes proxectos”
Destaca o investimento do Executivo galego para “revitalizar” este espazo, integrado por 26 concellos de Ourense e Lugo, con preto de 8 M€ en 40 bens
Enxalza os “atributos excepcionais” dunha paisaxe construída co uso da auga, “que aínda non está presente de xeito suficiente na listaxe de bens con esta distinción”
Asegura que a candidatura “conta con todo so seu favor” para conseguir este recoñecemento internacional, na avaliación de xullo na cidade coreana de Busan
Nogueira de Ramuín (Ourense), 27 de maio de 2026.- O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, puxo hoxe en valor o impulso socioeconómico que a candidatura da Ribeira Sacra. Paisaxe da auga a Patrimonio Mundial pola Unesco supón para a zona “co agromo de importantes proxectos vencellados á cultura, á paisaxe e a actividades turísticas e agrícolas do territorio”, desde que se puxo en marcha a iniciativa e que en xullo afronta a recta final coa avaliación decisiva, que terá lugar na cidade coreana de Busan.
“Coa implicación de Administracións, entidades e veciñanza temos acadado un territorio máis vivo ca nunca e que posúe todo ao seu favor para esta distinción internacional”, aseverou o titular de Cultura do Goberno galego na inauguración do foro Ribeira Sacra: patrimonio de futuro, no municipio ourensán de Nogueira de Ramuín, no que estivo acompañado polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes.
Nesta liña, o representante do Executivo galego destacou “o esforzo e traballo sen descanso” por parte da Xunta para fornecer non só a candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga, “senón revitalizar este territorio”. Así, sinalou os preto de 8 M€ que a Administración autonómica ten investido nestes últimos anos na conservación e posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais desta zona que abrangue 26 concellos das provincias de Ourense e Lugo.
De igual forma, subliñou que, ao longo deste período, o Goberno galego executou, en solitario ou en colaboración con outras institucións e concellos, máis de 90 actuacións tanto en materia arquitectónica como arqueolóxica en diferentes bens, como igrexas, mosteiros, museos, castros ou xacementos romanos, entre outros.
Paisaxe cultural única
Ademais, enxalzou o coidado e preservación que se ten realizado da “paisaxe cultural única” que abrangue a Ribeira Sacra, “exemplo paradigmático deses espazos onde a auga ten modelado a xeografía, a cultura e as formas de vida”. Ao respecto, fixo fincapé en que esta “importante singularidade” non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial, “o que supón un elemento que nos favorece e unha baza esencial que tivemos en conta na estratexia, proxecto e reto de país que é esta candidatura”, puntualizou.
Neste senso, salientou o “carácter único” da Ribeira Sacra, poñendo o foco “na espectacularidade dos canóns e vales fluviais esculpidos pola auga ata o relevante do seu patrimonio hidráulico, con infraestruturas que teñen chegado aos nosos días desde a revolución tecnolóxica medieval con muíños, centrais ou os saltos impresionantes de auga”.
Deste xeito, López Campos insistiu en que estas características fan que este territorio conforme un patrimonio “singular, que supón un orgullo compartido e que se integra dentro dos valores da Galicia calidade que tanto e tan ben nos representa dentro e fóra das nosas fronteiras”.
Finalmente, celebrou a organización deste foro como “accións que lle dan pulo á candidatura” cando se achega o fin do procedemento coa avaliación que levará a cabo en xullo a Convención Mundial de Patrimonio na cidade coreana de Busan. “Estamos xa na recta final e debemos sentirnos satisfeitos”, asegurou López Campos, quen subliñou que se artellou unha proposta “sólida e con argumentos firmes”, resultado do “traballo exhaustivo, rigoroso e coordinado” entre técnicos do Goberno galego e do Ministerio de Cultura.
