Nova: A Biblioteca Pública da Xunta en Lugo acollerá unha exposición sobre a historia da telefonía na provincia
27/05/2026
A Biblioteca Pública da Xunta en Lugo acollerá unha exposición sobre a historia da telefonía na provincia
Lugo, 27 de maio de 2026
A Biblioteca Pública Provincial da Xunta en Lugo acollerá unha exposición sobre a historia da telefonía na provincia, organizada pola Asociación Sénior de Telefónica de Lugo (Astelu). O delegado territorial, Javier Arias, presentou hoxe a mostra xunto a representantes do colectivo promotor, entre eles o seu presidente, José Luis Rodríguez.
Baixo o título ‘Historia do teléfono na provincia de Lugo’, a exposición inaugurarase o próximo luns, 1 de xuño, ás 19,00 horas e poderá visitarse ata o 31 de agosto. Reúne arredor de 80 fotografías antigas e unha ampla mostra de equipos, documentos e material histórico que permiten facer un percorrido polo máis dun século de historia da telefonía na provincia.
Así, poderanse ver desde antigos teléfonos de manivela, de magneto ou de disco ata os primeiros aparellos ‘mans libres’ e os actuais móbiles intelixentes. A mostra inclúe tamén ferramentas, redes telefónicas, centrais de conmutación, guías telefónicas e outras publicacións, así como un cartel coa cronoloxía da telefonía en Lugo.
Entre as pezas máis singulares figuran unha guía telefónica de Galicia datada no ano 1930 e unha centralita rural de 30 liñas, das primeiras que se instalaron na provincia.
Javier Arias destacou o valor divulgativo desta iniciativa e puxo en valor o traballo realizado por Astelu para conservar e difundir “un patrimonio histórico vinculado á evolución das comunicacións e que forma parte da memoria colectiva da provincia”.
