Nova: López Campos erixe a mostra ‘Misha Bies Golas’ como exemplo da contribución do Centro Galego de Arte Contemporánea á proxección do talento galego

22/05/2026

López Campos erixe a mostra ‘Misha Bies Golas’ como exemplo da contribución do Centro Galego de Arte Contemporánea á proxección do talento galego

O titular de Cultura do Goberno galego avanza unha nova etapa do centro museístico público con maior espazo e pulo para a creatividade da Comunidade

Sitúa o centro como “escaparate e panca” das e dos artistas galegos, “que están facendo medrar o prestixio e a imaxe da Galicia Calidade”

Enxalza este “coidado e difusión do noso e dos nosos” como “elemento distintivo” para convertelo no centro artístico de referencia do eixo atlántico europeo

A mostra, que poderá verse ata o 6 de setembro, ampliarase coa apertura doutro espazo expositivo a partir do 12 de xuño

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2026

O  conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe a exposición Misha Bies Golas, escolma de máis de dúas décadas da creación heteroxénea do lalinense Miguel Calvo Ulloa, coñecido artisticamente co nome que dá título á mostra e un dos fundadores do colectivo Nova Escultura Galega. Por estes motivos, erixiu este proxecto como un “claro exemplo” da contribución que realiza o centro público á proxección do talento galego, “e que impulsará aínda máis coa nova etapa que abrirá a futura directora Eva López Tarrío”, avanzou.

Neste senso, o representante do Goberno galego enxalzou este “coidado e difusión do noso e dos nosos” como “elemento distintivo” do CGAC para convertelo “no centro artístico de referencia do eixo atlántico europeo, tal e como procuramos na nova andaina deste buque insignia da cultura galega”, aseverou o conselleiro, en referencia ao recoñecemento obtido en 2025 no informe do Observatorio da cultura da Fundación Contemporánea, no que participan máis de 400 expertos e profesionais da culturais de toda España.

Acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o titular de Cultura da Xunta considerou que a traxectoria e obra de Miguel Calvo Ulloa, que pode verse en Misha Bies Golas, reflicte o “espírito e identidade” do propio Centro Galego de Arte Contemporánea. “Nas súas creacións podemos observar a diversidade de técnicas artísticas, estéticas e de investigación dentro das correntes actuais, que son á vez cuestionadas e repensadas ao tempo que rescata, afonda, reinterpreta e homenaxea os nosos mestre e referentes, como o gran Luís Seoane”, explicou.

López Campos lembrou que Misha Bies Golas é unha das 70 propostas incluídas no programa As exposicións de 2026 como motor cultural da Galicia Calidade coas que a Xunta de Galicia busca fomentar o acceso á cultura e contribuír á formación da cidadanía. Ao respecto, salientou o papel do Centro Galego de Arte Contemporánea “como escaparte e panca das e dos artistas galegos, que están facendo medrar o prestixio e a imaxe da marca Galicia Calidade”, aseverou.

O conselleiro animou a visitar esta mostra, aberta ata o 6 de setembro, e da que aclarou que será completada o vindeiro 12 de xuño coa apertura dun novo espazo para dar conta “da ampla produción, creatividade e investigacións realizados ao longo de 20 anos dun dos nomes propios da arte galega”, concluíu.

Comparte