Nova: A Xunta promove o talento emerxente no ‘Encordass Fiddle Fest’ que este ano se centra na música escocesa
21/05/2026
A Xunta promove o talento emerxente no ‘Encordass Fiddle Fest’ que este ano se centra na música escocesa
O certame contará con 16 concertos de artistas e formacións de Galicia e Escocia e celebrarase na Illa de San Simón, entre os días 2 e 5 de xullo
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destaca o carácter didáctico da iniciativa con aulas de formación destinado aos novos instrumentistas
O concerto inaugural terá lugar o primeiro día do festival con tres actuacións no Museo do Mar de Galicia, de entrada libre e de balde ata completar capacidade
Vigo, 21 de maio de 2026
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou a “constante promoción do talento emerxente” que leva cabo o Goberno galego a través do apoio a iniciativas como o Encordass Fiddle Fest, certame internacional de música de corda co que se colabora con 12.000 euros. Así o destacou na presentación no Museo do Mar de Galicia da nova edición desta cita, da que adiantou que estará centrada nos sons de Escocia.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude avanzou que o certame desenvolverase, como vén sendo habitual, na Illa de San Simón entre os días 2 ao 5 de xullo cun total de 16 actuacións de artistas de Galicia e Escocia. No entanto, o concerto inaugural, que se celebrará o primeiro día de arranque do festival, ás 19,00 horas, terá lugar no Museo do Mar de Galicia, en Vigo.
Sobre este concerto, Anxo M. Lorenzo, explicou que procurará proxectar “as sonoridades provenientes das dúas culturas milenariamente conectadas polo mar”. Así, precisou que actuarán o grupo Scottish Fish, formado por cinco instrumentistas, o dúo Abril, grupo folk da contorna viguesa, e o multiinstrumentista e compositor Elías Alexander. A entrada será libre e de balde ata completar capacidade.
No acto, o director xeral de Cultura puxo en valor este certame, “que desde 2016 ateiga de música a Illa de San Simón, e que promove o achegamento de artistas internacionais de primeiro nivel xunto con talentos emerxentes”. Ademais, incidiu na faciana didáctica desta iniciativa, “xa que fomenta a aprendizaxe a través de aulas especializadas dirixidas a instrumentistas”.
Por estes motivos, considerou necesario o apoio do Goberno galego a este tipo de proxectos que “adobían con éxito propostas de lecer e formativas arredor da música, onde profesionais consagrados se relacionan e comparten experiencias e coñecementos con artistas en plena formación”, gabou.
16 concertos de artistas e formacións galegas e escocesas
Ademais do concerto inaugural, o cartel inclúe, durante catro días, actuacións nas que se poderán gozar das interpretacións de músicos e formacións galegas e escocesas, e tamén de proxectos que nacen entre a colaboración de profesionais de ambas as dúas culturas, como será o caso de Da Lama & Freyda, Franco & Fraser ou Brío.
A maiores destes irmandades musicais, o certame permitirá desfrutar das creacións dos galegos Fernando Barroso, Tonecho Castelos, Xosé Liz, Franco e Miscelánea e dos escoceses Neil Pearlman e Katie Macnally.
