Nova: O ciclo ‘Enraigadas’ leva co apoio da Xunta 12 concertos a sete salas galegas ao longo de 2026

21/05/2026

O ciclo ‘Enraigadas’ leva co apoio da Xunta 12 concertos a sete salas galegas ao longo de 2026

A programación está incluída na nova convocatoria de axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para proxectos musicais en salas privadas

O calendario combina blues, folk, rock, soul e música de raíz con propostas como Andhrea & The Black Cats, O Sindicato da Verbena, The Lakazans, Habelas Hainas ou Sacha na Horta

Boiro (A Coruña), 21 de mayo de 2026

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na Pousada da Galiza Imaxinaria, en Boiro, na presentación do ciclo Enraigadas, promovido por Charlatana S. Coop. Galega co apoio da Xunta de Galicia a través da convocatoria de subvencións para proxectos de programación musical en salas privadas. A iniciativa completa recibe 45.767 euros para desenvolver ao longo deste ano unha carteleira de 12 concertos en diferentes espazos galegos e outros 10 ao longo de 2027.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou que Enraigadas “representa moi ben o espírito desta nova liña de apoio, orientada a reforzar a música ao vivo nas salas, a favorecer a circulación de artistas do panorama musical galego e a consolidar programacións con identidade propia, estables e próximas ao público”. Neste sentido, subliñou que as salas privadas “son unha parte esencial do ecosistema musical, porque permiten manter unha actividade continuada máis alá dos grandes eventos e xeran espazos fundamentais para a creación, a profesionalización e o encontro coa cidadanía”.

No acto, na Pousada da Galiza Imaxinaria como sala anfitrioa, actuou o músico Berlai, quen ofreceu unha pequena actuación en directo como anticipo do concerto que dará mañá venres nesta mesma sala. Será ás 22,00 h. cando se ofreza a actuación completa co seu estilo que bebe da tradición galega, do indie-pop, do rock e da música electrónica

Programación en diferentes espazos de Galicia

O ciclo xa ofreceu xa en marzo e abril as actuacións de Andhrea & The Black Cats na Pecera de Vigo e na Pousada da Galiza Imaxinaria, de Sabela King & The Heartbreakers e The Lakazans en La Room, de Ferrol, e continuará mañá venres 22 de maio co concerto de Berlai na sala boirense.

A programación seguirá o 30 de maio con Habelas Hainas, na sala Guión de Pontedeume; o 13 de xuño con Cachas & Cousins, no Club Clavicémbalo, de Lugo; o 1 de agosto con Habelas Hainas, na Arca da Noe, de Vilar de Santos; o 11 de setembro con Sacha na Horta, no Club Clavicémbalo; o 10 de outubro con Blues do País e O Sindicato da Verbena, na Arca da Noe; o 24 de outubro con The Lakazans e o 28 de novembro con Habelas Hainas, estas dúas últimas no Pub Gatos, de Melide.

A proposta impulsada por Charlatana forma parte da convocatoria coa que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude apoia a programación musical en salas privadas durante 2026 e 2027. A través desta liña, o Goberno galego concédelle 358.586 euros a nove entidades promotoras para a posta en marcha de 141 concertos de 80 artistas e grupos en 16 salas de toda Galicia.

Con esta medida, a Xunta busca contribuír a unha oferta musical diversa, descentralizada e sostida no tempo, ao tempo que favorece a profesionalización das empresas promotoras, a coordinación cos espazos de exhibición e o acceso do público a programacións de calidade en distintos puntos do territorio galego.

Comparte