Nova: López Campos celebra o desenvolvemento de novas ferramentas que permitan mellorrar a conservación do patrimonio cultural

20/05/2026

López Campos celebra o desenvolvemento de novas ferramentas que permitan mellorrar a conservación do patrimonio cultural

  • A Cidade da Cultura acolle hoxe a sesión para dar a coñecer o proxecto ‘Creación de xemelgos dixitais para o estudo e predición do aire no interior dos monumentos’
  • A ferramenta permite a visualización de datos de interese como os relativos a humidade, a temperatura ou aos fluxos de aire, así como a súa incidencia en bens patrimoniais
  • A iniciativa conta co apoio do Goberno galego e inclúe a creación dun xemelgo para a Catedral de Santiago, xa completado, e outro para o templo romano de Santa Eulalia de Bóveda, que se está a elaborar

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2026.- O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na xornada divulgativa KHN Galicia na que se deu a coñecer o proxecto Creación de xemelgos dixitais para o estudo e predición do aire no interior de monumentos. Trátase dunha iniciativa pioneira impulsada ao abeiro do traballo feito polo Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia, baixo a coordinación do catedrático da Universidade de Santiago, Jorge Mira, e co apoio da Xunta de Galicia.

Neste senso, o representante do Goberno en galego puxo en valor a importancia de unir a tradición e a innovación “para poñer en marcha ferramentas como esta que nos permiten garantir que este tesouro sexa legado ás futuras xeracións nas mellores condicións”. Así, precisou que este novo sistema permitirá que os profesionais da conservación conten con datos sobre humidade, temperatura e fluxos de aire cos que poderán anticiparse ás distintas problemáticas.

“O traballo impulsado polo catedrático Jorge Mira reflicte que Galicia é un exemplo tamén no eido da tecnoloxía”, sinalou López Campos antes de engadir a importancia de poñer estas ferramentas ao servizo dos galegos e das necesidades de xoias como a Catedral de Santiago de Compostela ou do templo romano de Santa Eulalia de Bóveda, actualmente en fase de estudo. 

Así, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude erixiu a tecnoloxía como valioso aliado no traballo de preservación e posta en valor dos bens culturais. Tal e como explicou, os xemelgos son unha ferramenta “que permite anticiparnos ás distintas problemáticas que poidan aparecer, polo tanto, mellorar a xestión e conservación patrimonial”.

O proxecto KHN, que conta tamén con investimento a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea,  parte dos traballos previos impulsados polo Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia e consiste na creación dunha plataforma computacional que permita a visualización dos datos de interese como os relativos a humidade, a temperatura ou aos fluxos de aire e a súa incidencia nos bens patrimoniais. Estes xemelgos dixitais están xa completados no caso da Catedral de Santiago e en proceso de elaboración no templo de Bóveda de Mera.

Comparte