Nova: Anxo M. Lorenzo destaca a contribución dos oficios tradicionais “ao enriquecemento e singularidade” do patrimonio cultural galego

20/05/2026

Anxo M. Lorenzo destaca a contribución dos oficios tradicionais “ao enriquecemento e singularidade” do patrimonio cultural galego

O director xeral de Cultura inaugura no Museo Etnolóxico unha mostra con fotos e vídeos sobre estes traballos do alumnado do Instituto Manuel Chamoso do Carballliño

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pon en valor o “interese e implicación das xeracións máis novas pola conservación destes labores”

A exposición, resultado do obradoiro ‘Fotografía en curso’, pode verse ata finais de ano nas instalacións do centro museístico ourensán

Ribadavia (Ourense), 20 de maio de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou hoxe a contribución dos oficios tradicionais “ao enriquecemento e singularidade” do patrimonio cultural galego. Fíxoo na inauguración no Museo Etnolóxico de Ribadavia da exposición Oficios en extinción: Imaxes que contan, persoas con historias, que recolle fotos e vídeos sobre estes traballos realizados polo alumnado do Instituto Manuel Chamoso do Carballiño, e que pode verse ata finais deste ano nestas instalacións.

A este respecto, o representante da Xunta puxo en valor “o interese e implicación das xeracións máis novas pola conservación destes labores”. Neste senso, destacou como a exposición recompila diferentes e variadas testemuñas de persoas que traballan tocando as campás, nos muíños, facendo corozas, nos muíños ou desenvolvendo a súa actividade como ferreiros, entre outros oficios.

“Todos eles son traballos que orixinaron ao seu redor un patrimonio material e inmaterial que conforman a nosa cultura tanto pola riqueza de utensilios, prácticas como polas celebracións e xuntanzas vencelladas aos mesmos”, explicou Anxo M. Lorenzo, quen gabou o alumnado do instituto e tamén ao persoal docente polo resultado do proxecto, realizado ao abeiro do obradoiro Fotografía en curso, á vez que por “implicarse, deste xeito, na preservación dos mesmos”.

Nesta liña, considerou tamén relevante o papel que xogan os museos etnolóxicos como o de Ribadavia “non só como depositario e difusor de moitos de coñecementos, bens e valores patrimoniais, senón como panca que impulsa ao territorio a colaborar e sumarse a mantelos e recuperalos como legado e herdanza colectiva que debe seguir formando parte da nosa historia”, aseverou.

Comparte