Nova: A sétima edición da Galicia Desing Week expande desde A Coruña o mellor deseño do noroeste peninsular coa colaboración da Xunta
19/05/2026
A sétima edición da Galicia Desing Week expande desde A Coruña o mellor deseño do noroeste peninsular coa colaboración da Xunta
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Instituto Galego de Promoción Económica contribúen ao encontro que se desenvolve ata o 23 de maio con conferencias, obradoiros, música, gastronomía e mostras de servizos e produtos
As exposicións ‘Designed in Galicia’ e ‘#novodeseñogalego’ quedaron instaladas nas rúas da cidade para dar conta do valor e da potencia creativa galega
A Coruña, 19 de maio de 2026
A Galicia Design Week (GDW) desenvolve a súa sétima edición na cidade da Coruña ata o vindeiro 23 de maio como un amplo evento que conta coa colaboración da Xunta para difundir o mellor do deseño galego e do noroeste peninsular mediante un variado programa de conferencias, obradoiros, música, gastronomía e exposicións. Precisamente dentro deste último bloque de actividades, o encontro quedou oficialmente inaugurado hoxe coa apertura das mostras Designed in Galicia e #novodeseñogalego, nun acto que contou coa participación do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil.
O Goberno galego contribúe á celebración desta iniciativa a través do apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e do Instituto Galego de Promoción Económica, atendendo así á transversalidade e á dobre compoñente que concorre no ámbito do deseño actual: a creatividade artística e o valor empresarial.
Integrada na prestixiosa rede internacional World Design Weeks e codirixida por Marta González Rivas e Álex Rico Caramés, a Galicia Design Week está a ocupar xa distintos espazos da cidade cunha proposta de programación dinámica e aberta, que aspira a chegar máis alá dos colectivos profesionais do sector. Estrutúrase así en distintos eixes para conectar coa cidadanía: charlas, talleres prácticos, accións de dinamización local, sesións musicais, presentacións de novos produtos, unha sección gastronómica ou a gravación dun podcast.
Entre os nomes de referencia que marcan esta edición figuran Manuel Bouzas, Teresa Sánchez Táboas e María Fandiño ‒que presentarán a revista Obradoiro, do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia‒, os estudios madrileños Burr e Studio Animal, Paula de Álvaro (de Design Office Fun), Román de Lorenzo (de MURPH), Alexander Gross, Aitor Molina, Bagel Affairs, ou as axencias galegas Costa e Desescribir. Nas escenografías das actividades terá un papel destacado a coruñesa Ana Inés Jabares Pita, unha das creadoras con maior proxección internacional polo seu traballo en teatros e óperas de todo o mundo.
Deseño a pé de rúa
As dúas exposicións inauguradas esta mañá coa presenza de varios artistas participantes quedaron instaladas nas zonas peonís da avenida do Porto, de xeito que toda a veciñanza as poida descubrir.
Ata o 14 de xuño estará Designed in Galicia, unha compilación de proxectos que colleitaron galardóns neste último ano (Miguel Leiro, D-Due, Carlos Seoane, CREUSeCARRASCO, teiga.studio...). As estruturas que soportan as pezas foron fabricadas para a cita por Grupo Malasa, firma familiar galega que lidera a produción de mobiliario a medida en todo o mundo.
Pola súa banda, #novodeseñogalego, aberta ata o 4 de xuño, pon o foco no talento emerxente a través dunha escolma de 20 propostas asinadas por perfís multidisciplinares: Álvaro Bellón, Ana Inés Jabares Pita, Andrea Ures, Lamaelume, Laura Campos, María Cereijo, mariOléiro, Nuclear, Pesqueira e Zeltia Iglesias.

