Nova: A Xunta apoia a promoción no Festival de Cannes da película 'Océano Titánico', coproducida por Frida Films
19/05/2026
A Xunta apoia a promoción no Festival de Cannes da película 'Océano Titánico', coproducida por Frida Films
A longametraxe proxéctase mañá na Sala Debussy do Palais, no marco da sección ‘Un Certain Regard’ do prestixioso certame francés, e será a protagonista dun evento específico con axentes do sector
O proxecto, no que participan cinco países, acadou unha axuda en 2022 para o seu desenvolvemento por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Con dirección da cineasta grega Konstantina Kotzamani, a rodaxe tivo lugar no Xapón co acompañamento da produtora galega durante todo o proceso
Cannes (Francia), 19 de maio de 2026
A longametraxe internacional Océano Titánico, con produción da galega Frida Films, estrearase mañá 20 de maio no Festival de Cannes (Francia), cun pase no marco da sección Un Certain Regard, ao que seguirá un evento de promoción específico que conta co apoio da Xunta de Galicia para amplificar a difusión da película no prestixioso certame galo.
Frida Films participa no proxecto desde a súa fase máis inicial a raíz do contacto coa cineasta grega Konstantina Kotzamani, directora da fita, no prestixioso laboratorio audiovisual Torino Film Lab. O potencial artístico e internacional do proxecto fixo que a compañía galega fora a primeira coprodutora do mesmo e que acadara en 2022 unha achega das subvencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para seu desenvolvemento.
A película, de gran carga autoral, evolucionou como unha coprodución a gran escala na que concorren cinco países. Foi rodada integramente en Xapón, co reparto e gran parte do equipo técnico europeo e articulada entre produtoras de Grecia, Alemaña, Romanía, España e Xapón. Durante todo o proceso, Frida Films acompañou a evolución do proxecto desde a súa posta en marcha ata a súa finalización, participando activamente na súa estrutura financeira e internacional.
Océano Titánico culmina mañá ese percorrido, despois de ser seleccionada para se estrear en Un Certain Regard, o apartado do Festival de Cannes que conta cun xurado propio en paralelo á competición oficial, centrado en descubrir novos talentos e en darlle pulo a propostas con visións e estilos innovadores e audaces dentro do panorama global. O filme, catalogado como ciencia-ficción, cinema fantástico e drama, sitúase no universo adolescente dun internado especial que adestra mozas para convertelas en sereas profesionais.
A proxección inaugural de Océano Titánico terá lugar mañá na icónica Sala Debussy do Palais, con presenza de parte do equipo, así como de representantes institucionais de todos os territorios participantes no proxecto. Tralo pase terá lugar un evento específico de promoción ao que está prevista a asistencia de prensa especializada, axentes audiovisuais acreditados e profesionais influentes no sector cinematográfico mundial.
Coa selección de Océano Titánico no Festival de Cannes, a Xunta de Galicia continúa a sumar títulos vinculados á súa política audiovisual que acadan presenza e recoñecemento nos máis importantes certames do mundo. Así, trala histórica edición de 2025, con dúas películas con financiamento galego (Sirat e Romería) na sección oficial, mantense este ano a representación no festival cinematográfico europeo de maior reputación e relevancia.
