Nova: Anxo M. Lorenzo destaca o “testemuño histórico e emocional” das fotografías sobre A Habana que protagonizan a nova exposición de Belas Artes
15/05/2026
Anxo M. Lorenzo destaca o “testemuño histórico e emocional” das fotografías sobre A Habana que protagonizan a nova exposición de Belas Artes
‘Habana Mater 20023-2023 Luis Gabú’ forma parte do programa ‘As exposicións de 2026 como motor cultural da Galicia Calidade’
Ademais de imaxes, complétase con paneis informativos, documentos históricos e outras pezas ao redor do Centro Galego da cidade cubana
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pon en valor “a importancia para a identidade e historia de Galicia da diáspora galega” que se reflicte a través desta escolma
A Coruña, 15 de maio de 2026
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe no Museo de Belas Artes da Coruña a mostra Habana Mater 2003-2023 Luis Gabú coa que, destacou, “seguimos a enriquecer con novos contidos os nosos espazos, introducindo propostas que fan destes equipamentos un dos principais eixos da programación cultural galega”, en referencia ao programa As exposicións de 2026 como motor cultural da Galicia Calidade.
Así, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor esta escolma de 50 instantáneas do fotógrafo coruñés Luis Gabú “recollendo un proxecto artístico que é resultado das viaxes que fixo a Cuba, nas que capturou a súa visión persoal sobre A Habana e o seu Centro Galego”. Neste senso, resaltou “un traballo que dá conta do importante papel que a cidade cubana e a actividade xerada ao redor deste centro tivo na nosa identidade e historia durante a diáspora galega”.
Nesta liña, Anxo M. Lorenzo fixo fincapé en que, a través de imaxes, paneis informativos, documentos históricos e outras pezas cedidas por distintas institucións, “a exposición supón un testemuño vivo da memoria histórica e emocional de Galicia” a través do Centro Galego da Habana, fundado en 1879 e que acadou o seu maior simbolismo de progreso e modernidade coa inauguración en 1915 do Ilustre Palacio do Centro Galego. Cómpre lembrar que este centro contou co seu propio hospital da Benéfica (1983), a súa propia Caixa de Aforros e Banco Galego (1906) ou a Sociedade Iniciadora e Protectora da Real Academia Galega (1905).
O artista na Habana
Luis Gabú tivo a oportunidade de retratar en distintos momentos o emblemático edificio que foi sede do Centro Galego da Habana desde 1914, levantado grazas ás achegas do socios da diáspora. Captou así a transformación arquitectónica do espazo, documentando a evolución do edificio, o seu aspecto e as súas áreas antes e despois da restauración realizada entre 2013 e 2014, e revelando vestixios que permanecen como testemuños da súa identidade histórica, como o escudo da Coruña que aínda se conserva nunha das súas fachadas.
