Nova: Ortiz felicita á organización da bienal de Cartelismo polo seu 25 aniversario como “referencia internacional” do deseño gráfico contemporáneo
07/05/2026
Ortiz felicita á organización da bienal de Cartelismo polo seu 25 aniversario como “referencia internacional” do deseño gráfico contemporáneo
A delegada territorial da Xunta en Vigo participou como xurado na presentación do certame que reunirá 2.120 obras de artistas de 83 países na Estación Marítima
Vigo, 7 de maio de 2026
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, destacou este xoves a “dimensión internacional” da Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda-Concurso Francisco Mantecón que cumpre a súa 25 edición. A representante autonómica destacou o certame, que reúne a un total de 2.120 obras de artistas de 83 países, como un “referente” do deseño gráfico.
Durante a presentación do concurso, Ana Ortiz destacou como xurado a traxectoria deste certame, que permite que artistas de todo o mundo dean a coñecer os seus traballos, durante os máis de 30 días que estas obras se exhiben na Estación Marítima de Vigo. Ademais de promocionar un dos produtos marca de identidade de Galicia como é o viño e contribuír a consolidar a comunidade como un destino do etnoturismo.
“Estamos ante a oportunidade que é crear unha imaxe que percorrerá os cinco continentes, porque desde os seus primeiros pasos este concurso converteuse nunha referencia para deseñadores gráficos e ilustradores de todas partes do mundo, que viron nel unha oportunidade única de demostrar o seu talento e creatividade”, apuntou a delegada territorial do Goberno galego.
A Bienal de Cartelismo contará este ano con 2.120 carteis de 83 países dos 5 continentes e todos as obras forman parte da exposición, un escaparate da arte gráfico nexo de unión de diferentes culturas nun mesmo espazo.
A exposición permanecerá aberta ao público na Estación Marítima de Vigo desde o venres 8 de maio ata o mércores 3 de xuño. En cada edición, recíbense máis de 3.000 visitas e ao longo dos seus 25 anos de historia suma máis de 23.300 obras de 107 países, o que afianza á Bienal como unha das tres máis prestixiosas en todo o mundo e a máis relevante auspiciada pola iniciativa privada.

