Nova: Martina Aneiros anima á cidadanía a participar no VI Festival Ilustrado de Ferrol

30/04/2026

Martina Aneiros anima á cidadanía a participar no VI Festival Ilustrado de Ferrol

Ferrol, 30 de abril de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe na presentación do VI Festival Ilustrado de Ferrol. A cita, que terá lugar os días 8 e 9 de maio, levará á cidade a rememorar o seu pasado con actividades e caracterizacións sacadas do século XVIII.

Este evento, único en España, ten o obxectivo de fortalecer e impulsar a Candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial. Esta sexta edición coincide ademais co 300 aniversario da designación da cidade como capital do Departamento Marítimo do Norte, o que deu nacemento a ese Ferrol Ilustrado e á cidade que hoxe coñecemos. Para conmemorar esta efeméride, no tradicional encontro escolar do Festival Ilustrado, que terá lugar o venres 8 ás 12:00 na praza de Armas, nenos e nenas de diferentes centros educativos participarán na representación do número 300 e da bandeira de Ferrol, utilizando para isto cartolinas de cores.

Aneiros aproveitou a ocasión para animar a todos os ferroláns a participar “neste festival que trae de volta unha parte da nosa historia sen a que Ferrol non se pode concibir”.

Comparte