Nova: A Xunta colabora co festival de música Facela Fest, que se celebrará en Lugo entre os días 6 e 9 de maio
27/04/2026
A Xunta colabora co festival de música Facela Fest, que se celebrará en Lugo entre os días 6 e 9 de maio
Lugo, 27 de abril de 2026
A Xunta de Galicia colabora co festival de música FaCeLa Fest, que se celebrará en Lugo entre os días 6 e 9 de maio. A Delegación Territorial acolleu hoxe a presentación do cartel, coa presenza do delegado territorial, Javier Arias, e dos organizadores do evento, Celes Muinelo e Suso Rielo.
Arias felicitou aos promotores por alcanzar a décima edición do festival “convertidos nun referente no ámbito da música independente” e destacou o apoio do Goberno galego a esta proposta que “enriquece a escena cultural da cidade, reunindo bandas internacionais e nacionais e dando tamén oportunidades ao talento emerxente local”.
O FaCeLa Fest reúne este ano a 18 bandas, encabezadas polos ingleses Temples, os galegos Triángulo de Amor Bizarro, os asturianos Australian Blonde e as madrileñas Shego. Completan o cartel o novo proxecto lucense The Foolans, Bernal, Axolotes Mexicanos, Los Palms, Pacífica, Ripship, Error 97, Sigilu, Filophóbicas, Toldos Verdes, Las Yhadys, Aeronave Adolescente, Fotocopia e Sapo Bufo. O escenario principal trasládase nesta edición á Sala Tebras pero haberá tamén concertos noutros espazos da cidade, como o Bar Facela, no barrio da Tinería.

