Nova: O proxecto ‘Tecedora Sólodos’ ofrece co apoio da Xunta 12 experiencias culturais en cinco concellos rurais de Ourense e Lugo.

25/04/2026

O proxecto ‘Tecedora Sólodos’ ofrece co apoio da Xunta 12 experiencias culturais en cinco concellos rurais de Ourense e Lugo.

Un encontro con Quique Peón en Nogueira de Ramuín abre mañá o calendario de actividades sobre distintas disciplinas que se estenderá ata setembro coa participación de 11 colectivos artísticos e profesionais convidados

A iniciativa é beneficiaria do programa de subvencións Territorio Cultura, xestionado polo Goberno galego para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas

Acollerán as citas diferentes espazos de Baños de Molgas, Melón, Nogueira Ramuín e Xunqueira de Espadanedo, na provincia de Ourense, e Portomarín, na de Lugo

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2026

Un coloquio co artista, investigador e docente Quique Peón iniciará mañá en Nogueira de Ramuín, en Ourense, un calendario de seis meses de actividades por cinco concellos do interior rural galego polos que discorrerá Tecedora SóLODOS, proxecto de dinamización e participación na vida cultural mediante accións e experiencias arredor de distintas disciplinas artísticas e en espazos singulares para fomentar o acceso á cultura e fortalecer os lazos comunitarios dos habitantes destas poboacións.

A iniciativa, promovida pola compañía de danza SóLODOS e beneficiaria das subvencións do programa Territorio Cultura convocadas pola Xunta de Galicia para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas, desenvolverase ata setembro a través de 12 citas a cargo de 11 colectivos e profesionais de diferentes ámbitos que se atoparán coa veciñanza de cinco municipios: Baños de Molgas, Melón, Nogueira de Ramuín e Xunqueira de Espadanedo, na provincia de Ourense; e Portomarín, na de Lugo.

Unha escolma de 13 artistas e especialistas nas distintas temáticas propostas guiarán cada unha das actividades: Alba Fernández Cotelo, Daniel Rodríguez, Os Xuncos e Xunqueteiras, Milki Lee e Teresa Magallón (Sweet Chilli Circus Coimpany), MIkel Arístegui, Larumbe Danza, Ico Rafael Ramos (O Sonoro Maxín), John Axiom, Agustín Vázquez Ferreiro e Maruxa Salas e Erick Jiménez (SóLODOS).  

Incio arredor do baile e música populares

A inauguración de Tecedora SóLODOS será con Falando con Quique Peón en San Cristóbal de Armariz. O director do colectivo Xacarandaina ofrecerá mañá domingo a partir das 12,00 horas nesta parroquia de Nogueira de Ramuín unha charla para públicos de todas as idades sobre o seu labor de compilación da danza e da música tradicionais de Galicia.

A segunda cita será o 2 de maio en Melón con Rexenerar verde, un obradoiro de concienciación ambiental que rematará coa representación dunha peza de danza, e que se repetirá o día 9 na Escola de Moura, en Nogueira de Ramuín. O 3 de maio, en Portomarín, terá lugar Percorrido SóLODOS, unha maneira diferente de ver a localidade a través da danza de distintos estilos e da música, en tanto que o 17 de maio Tecedora chegará ao Museo de Alfarería de Niñodaguia, en Xunqueira de Espadanedo, co obradoiro infantil Traballar a terra. Ese mesmo lugar acollerá o 11 de xullo o obrdoiro de percusión en cerámica combinado coa creación do espectáculo Os fornos de Niñodaguia, dirixido por Maruxa Salas e Erick Jiménez.

Verán con novas tecnoloxías, tradición e estrelas

No mes de xuño está previsto un taller de cantigas e bailes tradicionais destinado a nenos e nenas a cargo do colectivo Os Xuncos e Xunquereteiras, que terá lugar o día 6 no Pazo Xeral Paredes de Portomarín e que se volverá a realizar o día 7 en Baños de Molgas; en tanto que a experiencia coas novas tecnoloxías e a arte Lentes para imaxinar xunto a un espectáculo da compañía Larumbe Danza visitará A Penalba, en Nogueira de Ramuín o domingo 14.

Xa en agosto, haberá outro Percorrido SóLODOS o día 9 por Baños de Molgas. Nese mesmo mes terá lugar unha das experiencias máis especiais: será na noite do eclipse total de sol, o día 12, coa actividade Escoita de estrelas no claustro do mosteiro de Santa María de Melón, unha proposta para gozar do espazo sonoro do artista, produtor musical e DJ John Axiom ao tempo que se contemplan as bágoas de San Lourenzo.

A derradeira das citas programadas por Tecedora SóLODOS volverá a Xunqueira de Espadanedo o 13 de setembro con Degustando artesanía, un taller de cociña en pezas de barro autóctonas de Niñodaguia destinado a todos os públicos.    

Comparte