Nova: A Xunta difunde polo rural galego a figura de Barriga Verde e o patrimonio do títere tradicional ligado ás feiras do país
24/04/2026
A Xunta difunde polo rural galego a figura de Barriga Verde e o patrimonio do títere tradicional ligado ás feiras do país
A iniciativa da asociación Morreu O Demo ‘Da barraca á aula: a memoria das festas’ é unhas das incluídas no programa Territorio Cultura, a convocatoria de axudas do Goberno galego para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas
O Teatro das Cortes, na aldea de Cabanas, Concello do Vicedo, acollerá mañá a xornada ‘Onde foi Barriga Verde?’ cunha exposición, obradoiros e teatro
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2026
O Teatro das Cortes, na aldea de Cabanas (O Vicedo), acollerá mañá 25 de abril a xornada Onde foi Barriga Verde?, cita destacada do proxecto de difusión do títere tradicional galego que está a percorrer distintos concellos do rural galego. Baixo o título xenérico Da barraca á aula: a memoria das festas, a iniciativa promovida pola asociación cultural Morreu O Demo inclúese na liña de subvencións do programa Territorio Cultura, convocadas pola Xunta para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas.
Onde foi Barriga Verde? levará a cabo durante todo o día no espazo mariñao diferentes actividades, todas con acceso de balde, arredor da figura de José Silvent e a súa familia, parte dela con raíces na Mariña lucense. Reivindícase así o legado do artífice da popular barraca ambulante onde se desenvolvían números clásicos como os da tourada, o demo, a morte, o xuíz ou a Garda Civil como unha das principais atraccións polas festas e feiras de toda Galicia ata ben entrado o século XX.
A xornada inclúe unha exposición didáctica para divulgar a obra dos Silvent, herdeira dunha relevante tradición titiriteira europea, ademais dun taller de creación de monicreques destinado especialmente a persoas da terceira idade, unha representación da compañía Viravolta Títeres recreando o teatro de Barriga Verde e mais unha acción escénica sobre a forma que adopta este tipo de espectáculo en Portugal: o Teatro de Don Roberto ou dos Robertos, a cargo Brigada Teatral das Cortes con motivo do aniversario do 25 de abril luso.
Memoria das festas populares
Con Da barraca á aula: a memoria das festas, o colectivo cultural Morreu O Demo quere achegar o patrimonio do monicreque tradicional galego a diferentes contornas rurais do país. Obradoiros de construción e manipulación de bonecos e cabezudos, mostras, videofórums con proxeccións de documentais ou postas en escena co mítico personaxe de Barriga Verde como protagonista apostan pola divulgación deste eido artístico e patrimonial, así como pola recuperación da memoria das feiras e festas populares nas que se desenvolvía.
Ademais, Barriga Verde e o títere de cachaporra volverá ás aldeas e vilas da man de compañías que están a recuperar este patrimonio, tales como Viravolta, Alakrán, Trécola e Larraitz Producións Artísticas.
O programa estase a levar a cabo en centros de ensino e espazos socioculturais e da terceira idade dos concellos de Pol, Meira e O Vicedo na provincia de Lugo; en Xinzo da Limia, Chandrexa de Queixa e Cea na de Ourense; na Estrada, Lalín e Vila de Cruces en Pontevedra; e mais Valdoviño, Dumbría, Lousame e O Pino na Coruña.

