Nova: A Xunta impulsa proxectos escénicos conxuntos entre o Centro Dramático Galego e o Teatro Nacional São João durante catro anos
17/04/2026
A Xunta impulsa proxectos escénicos conxuntos entre o Centro Dramático Galego e o Teatro Nacional São João durante catro anos
López Campos eríxeo como “alianza estratéxica” e sitúao como un “gran avance na política de internacionalización da cultura galega”
O representante do Goberno galego avanza que implicará accións de produción e exhibición de espectáculos, así como de formación e intercambio de recursos
Porto (Portugal), 17 de abril de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o presidente do Consello de Administración do Teatro Nacional São João, Pedro Sobrado, asinaron hoxe en Porto (Portugal) un protocolo de cooperación polo que o Centro Dramático Galego e a estrutura escénica lusa, unha das máis importantes do país veciño, iniciarán un período de catro anos de proxectos escénicos en común, impulsando así un polo de creación teatral no territorio da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
O acto de sinatura tivo lugar na sede principal do Teatro luso, e contou coa participación de Alberto Santos, secretario de Estado de Cultura do Goberno da República de Portugal, e de Victor Hugo Torres, director artístico da compañía escénica portuguesa; en tanto que a representación galega estivo completada polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez.
Para López Campos, o acordo supón unha “alianza estratéxica” no avance da política de internacionalización cultural de Galicia. “Reafirma o compromiso de ambos os gobernos por fortalecer lazos que nos unen, posto que compartimos unha amizade histórica, posuímos unha lingua irmá que configura a nosa identidade e temos a mesma vocación compartida polo teatro entendido como un espazo de diálogo, creatividade e calidade”, expresou.
O titular de Cultura do Goberno galego sinalou tamén que a proximidade idiomática “abre a unha comunidade de máis de 270 millóns de persoas de fala portuguesa, o que permitirá ampliar a nosa forza escénica dentro do contexto europeo e adquirir unha maior proxección internacional”. Referiuse, ademais, a oportunidade temporal do acordo, que multiplica posibilidades de colaboración por chegar na antesala do Xacobeo 2027.
Produción, exhibición e educación
O acordo compromete o desenvolvemento de accións conxuntas a nivel de produción e exhibición de espectáculos de teatro, así como no eido cultural, educativo e formativo. Os espectáculos resultantes terán presentación preferente na rexión Norte de Portugal e en Galicia, coa posibilidade de involucrar outros socios nacionais e internacionais.
Tamén se especifica a programación regular de producións das dúas entidades nas súas respectivas sedes, o Salón Teatro e os tres escenarios do TNSJ, así como a organización conxunta de accións paralelas ou complementarias no marco da actividade dos servizos educativos e de mediación, e de iniciativas de formación profesional ou artística.
Outras liñas que se contemplan no documento é a acollida recíproca de persoal para o intercambio de experiencias e coñecementos, a cesión de material técnico, vestiario, utilería e escenografía ou a concertación de estratexias de comunicación co obxectivo de favorecer a súa divulgación e impacto público.
A sinatura do acordo é un paso adiante froito da continuada e positiva actividade que xa se veu desenvolvendo nos últimos anos e que deu como resultado montaxes como Manuela Rey Is In Da House, Frágua de amor ou espectáculos no marco do proxecto europeo Nós/Nous, entre os que se puxeron en pé Na hora dos cans, Iphigenia ou Tartufo. Tamén no ámbito da exhibición houbo precedentes importantes no marco da colaboración entre a Xunta e o TNSJ, como foi a programación na capital de Galicia o pasado ano da produción As bruxas de Salem.
