Nova: López Campos salienta a calidade da programación cultural do lecer nocturno en Galicia cunha maior profesionalizacion e aposta pola innovación
16/04/2026
López Campos salienta a calidade da programación cultural do lecer nocturno en Galicia cunha maior profesionalizacion e aposta pola innovación
O titular de Cultura da Xunta destaca o “forte peso” deste sector cun “importante impacto social, económico e turístico” na Comunidade
Pon en valor a regularización destas actividades que levou a cabo o Goberno galego coa posta en marcha da Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas
Santiago de Compostela, 16 de abril de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou hoxe a calidade e diversidade da programación cultural do lecer nocturno en Galicia “cunha maior profesionalización e aposta pola innovación”. Así o aseverou na clausura dunhas xornadas sobre este sector na Coruña, con motivo de que a cidade foi designada Capital Española da Vida Nocturna 2026, e en cuxa apertura participou a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses.
Na súa intervención, o titular de Cultura da Xunta destacou “a cada vez maior presenza” da programación cultural nos establecementos de lecer nocturno da Comunidade. Ademais, incidiu en que este tipo de propostas “non só gañaron espazo, senón diversidade en canto ás disciplinas artísticas que se ofrecen”. Neste senso, considerou “positiva e moi receptiva” a resposta do público a esta tendencia e que atribuíu “a esa aposta pola calidade e a profesionalización”.
Neste senso, subliñou o “forte peso” desta actividade en Galicia cun “impacto social, económico e turístico”, en referencia aos datos que ofrece o sector dunha facturación anual de máis 341 millóns de euros e a creación de 10.600 empregos na Comunidade.
Finalmente, López Campos puxo en valor a regularización destas actividades que levou a cabo o Goberno galego coa posta en marcha da Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas en 2017 e tamén salientou o papel do Decreto de 2022, en canto á súa relevancia na organización e desenvolvemento da programación que o sector do lecer nocturno leva a cabo.


