Nova: Rueda salienta o bo momento que está a vivir o sector do libro en lingua galega
14/04/2026
Rueda salienta o bo momento que está a vivir o sector do libro en lingua galega
Resalta os bos datos de lectura da nosa comunidade e o prestixio e proxección da cultura galega no seu conxunto
Madrid, 14 de abril de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou hoxe o bo momento que está a vivir o sector do libro en lingua galega grazas a escritores, editores, bibliotecas e empresas.
No acto de presentación do libro Alén da frol do tempo, de Abel Veiga Copo, na Casa de Galicia en Madrid, o titular do Executivo galego afirmou que é unha satisfacción poder desfrutar e aprender dun gran escritor caracterizado pola súa natureza didáctica.
Nesta liña, o presidente referiuse ao autor como exemplo dunha Galicia que non esquece as súas raíces e é talentosa e recoñecible en todo o mundo. Ademais, agradeceu o seu compromiso coa lingua galega, que definiu como un tesouro a coidar e preservar para futuras xeracións.
Rueda tamén tivo palabras tanto para os bos datos de lectura da nosa comunidade como ao momento de prestixio e proxección que está a vivir a cultura galega no seu conxunto.




