Nova: A Xunta avanza nas obras de conservación da igrexa de Santa Mariña de Sarria coa previsión de que estean finalizadas para o verán

01/04/2026

A Xunta avanza nas obras de conservación da igrexa de Santa Mariña de Sarria coa previsión de que estean finalizadas para o verán

O delegado territorial, Javier Arias, comprobou a execución dos traballos, nos que a Administración autonómica inviste 550.000 euros

Sarria (Lugo), 1 de abril de 2026

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude avanza nas obras de conservación da igrexa de Santa Mariña de Sarria coa previsión de que estean rematadas para o verán.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe a execución dos traballos, nos que a Xunta inviste preto de 550.000 euros. A actuación principal céntranse na restauración da cuberta de lousa para solucionar as filtracións de auga ao interior.

O delegado subliñou o compromiso da Administración autonómica coa protección do patrimonio histórico, con actuacións como a que se está a executar nesta igrexa, situada en plena zona de protección do Camiño Francés; ou a recente rehabilitación do Convento da Mercé, cun orzamento de 370.000 euros.

O eixo da actual intervención é lograr a estanquidade da cuberta, na que ademais se substituirá o entaboado que a soporta con novas táboas de madeira de castiñeiro. Tamén se aborda a recuperación do chapitel que remata a torre do campanario, tanto a estrutura de madeira como o revestimento de zinc. Ademais acondicionarase a escaleira de aceso á torre e restaurarase a cruz de ferro forxado que coroa a igrexa.

No exterior contémplase a mellora das carpinterías e a conservación dos muros, mediante un proceso de limpeza da cantería, eliminación de fungos e especies vexetais, reparación de xuntas entre sillares e pintado dos paramentos. Igualmente incrementarase a accesibilidade coa instalación dunha rampla na entrada pola porta sur.

No interior destaca a recuperación do espazo do antigo baptisterio e a restauración da pila bautismal, de orixe románico. Esta zona albergaba a caldeira da calefacción, que agora se renova e se traslada a outra parte do edificio aloxada das zonas de culto.

Arias apuntou que a Xunta segue traballando na conservación de todos os recursos vinculados ao Camiño de Santiago, onde tamén finalizou a rehabilitación da ponte da Áspera de Sarria, na que a Axencia de Turismo de Galicia investiu 50.000 euros.

Comparte