Nova: López Campos reivindica o papel dos arquivos como “garantes da salvagarda do noso patrimonio cultural”

31/03/2026

López Campos reivindica o papel dos arquivos como “garantes da salvagarda do noso patrimonio cultural”

Esta publicación pretende facilitar a labor dos profesionais que traballan nestes centros e axudalos a resolver cuestións de aplicación e interpretación xurídica

O representante da Xunta destaca a importancia “dunha ferramenta que axuda a facilitar a consulta da información e da que somos beneficiarios toda a sociedade”

Dispoñible en formato dixital e en papel, o documento agrúpase en oito grandes ámbitos temáticos e está estruturado ao abeiro dun sistema de preguntas concretas e respostas directas

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presentou hoxe a primeira Guía de acceso documental do sistema de arquivos, unha ferramenta creada ao abeiro dos obxectivos estratéxicos do Plan de Arquivos da Xunta de Galicia 2022-2026 e que pretende colaborar cos profesionais destes centros para axudalos a resolver cuestións de aplicación e interpretación xurídica.

Neste senso, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, López Campos puxo en valor a importancia desta ferramenta para facilitar o traballo dos profesionais e "contribuír a que os arquivos sexan máis accesibles para toda a sociedade”. “Estes centros  garanten a salvagarda do noso patrimonio cultural, un coñecemento necesario para entender a realidade actual, analizar a nosa traxectoria histórica e comprender mellor o que somos”, afirmou.

Tal e como apuntou o conselleiro, o texto está estruturado segundo un sistema de preguntas concretas e respostas directas que se apoian na lexislación e na xurisprudencia. Trátase dunha ferramenta que dá resposta ás demandas do sector e que permitirá que os profesionais poidan contar “cun instrumento de consulta que facilite criterios claros que permitan mellorar a interpretación da normativa”.

Este instrumento agrúpase en oito grandes ámbitos temáticos que se centran en aspectos como a distribución das competencias entre arquivos, bibliotecas e museos; na diferencia entre o dereito de acceso e consulta e o dereito á información pública; en aspectos de interese da propiedade intelectual ou no uso e reprodución de obras. Isto complétase con información sobre o tratamento de datos de carácter persoal, o dereito de imaxe, o público como creador de contidos culturais e os controis de acceso aos centros. Ademais, conta cun apartado específico sobre o manexo da publicación e un índice lexislativo.

Cómpre lembrar que este documento, que estará dispoñible en formato dixital e en papel, foi elaborado a partir dos coñecementos, relatorios e material xerado ao abeiro das xornadas sobre acceso documental celebradas o pasado mes de maio pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude como resposta á necesidade de formación en cuestións relacionadas co labor arquiveiro. Así, aínda que naceu como un instrumento para facilitar o traballo do persoal dos arquivos os seus contidos son de interese tamén para técnicos e profesionais doutros centros culturais, como bibliotecas e museos.

O representante da Xunta lembrou que o Goberno galego mantén un firme compromiso coa custodia e conservación do patrimonio documental a través do traballo que se fai nos arquivos e poñendo en valor que “só nos arquivos históricos xestionados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude se atenden preto de 35.000 consultas cada ano”.

Comparte