Nova: Belén do Campo asiste á inauguración da exposición ‘Lalique. A beleza no art nouveau e no art decó’ na Fundación Barrié

26/03/2026

Belén do Campo asiste á inauguración da exposición ‘Lalique. A beleza no art nouveau e no art decó’ na Fundación Barrié

A delegada da  Xunta reiterou o compromiso da Xunta co apoio a entidades culturais que, como a Fundación Barrié, “traballan de xeito continuado por facer accesible a cultura e por fomentar o coñecemento e a creatividade na sociedade galega”

A Coruña, 26 de marzo de 2026

A delegada da Xunta, Belén do Campo, asistiu á inauguración da exposición Lalique. A beleza no Art Nouveau e no Art Déco, que acolle a Fundación Barrié, nun acto que contou coa participación da súa presidenta, Pilar Romero, e coa conferencia inaugural da comisaria da mostra e directora do Musée Lalique, Véronique Brumm. A mostra está organizada pola Fundación Barrié o Musée Lalique co apoio do Museu Calouste Gulbenkian estará na cidade do 26 de marzo ao 12 de xullo de 2026.

A representante do Goberno autonómico puxo en valor “o papel fundamental que desenvolve a Fundación Barrié na promoción e difusión da cultura en Galicia, achegando á cidadanía propostas expositivas de primeiro nivel internacional e contribuíndo a enriquecer a oferta cultural da comunidade”.

A delegada destacou tamén a relevancia desta exposición, que ofrece un percorrido pola obra do artista francés René Lalique, figura clave das artes decorativas entre finais do século XIX e comezos do XX, e referente tanto do movemento Art Nouveau como do Art Déco. A mostra reúne unha coidada selección de 300 pezas —entre xoiería, vidro artístico e obxectos decorativos— que reflicten a evolución estética e técnica dun creador que marcou unha época.

Neste sentido, subliñou que iniciativas como esta “permiten achegar ao público galego coleccións de gran valor artístico e histórico, ao tempo que consolidan Galicia como un destino cultural de referencia”.

A inauguración contou ademais coa conferencia de Véronique Brumm, quen afondou no legado de Lalique e no contexto artístico no que desenvolveu a súa obra, ofrecendo unha visión especializada que complementa a experiencia expositiva.

Finalmente, a delegada reiterou o compromiso da Xunta co apoio a entidades culturais que, como a Fundación Barrié, “traballan de xeito continuado por facer accesible a cultura e por fomentar o coñecemento e a creatividade na sociedade galega”.

Comparte