Nova: López Campos pon en valor a contribución dos museos á sociedade de Galicia

26/03/2026

López Campos pon en valor a contribución dos museos á sociedade de Galicia

A norma, que desenvolve a Lei de Museos aprobada en 2021, regula a creación, modificación e disolución dos centros

O representante da Xunta destaca a importancia de crear un distintivo propio para “unificar a imaxe dos 97 centros e reforzar a marca cultural da nosa Comunidade”

O texto inclúe a creación dun rexistro, a incorporación dun programa de inclusión cultural e a regulación de dous modelos de Plan museolóxico

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presentou hoxe o decreto e a nova imaxe dos centros museísticos, unha norma que desenvolve a Lei de Museos aprobada en 2021 e coa que a Xunta de Galicia regula a creación, modificación e disolución dos centros dotándoos dun marco xurídico propio que non existía con anterioridade.

Neste senso, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, López Campos precisou que este novo decreto vai permitir levar a cabo unha serie de accións dirixidas a mellorar a organización dos museos, dos que puxo en valor a súa contribución á sociedade galega. “É un erro pensar que os centros museísticos funcionan só como espazos expositivos ou meros contedores de obxectos históricos”, apuntou López Campos antes de reivindicar o seu labor “para recoller e salvagardar a memoria dun pobo ao tempo que se pon en valor a súa historia e o seu patrimonio cultural”.

Así, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fixo fincapé no papel destes centros como “institucións vivas que procuran un diálogo cultural a través do cal promover a investigación e o coñecemento científico e cultural”. “Os museos son os grandes dinamizadores culturais das nosas cidades e vilas ao permitir amosar e coñecer a obra de diferentes autores e creadores”, apuntou.

Tal e como apuntou o conselleiro, o texto do decreto inclúe a creación dun distintivo identificativo que hoxe foi entregado aos responsables dos museos e que permitirá “unificar a imaxe dos 97 centros e reforzar a marca cultural da nosa Comunidade”. Así mesmo, inclúe tamén a creación do Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia, un instrumento adscrito á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ao que se incorporarán as entidades creadas no marco da lei.

Outra das novidades é que, ao abeiro deste texto, regularanse dous modelos de Plan museolóxico segundo o carácter da institución e as áreas funcionais. Trátase dun instrumento técnico que permite centrar a natureza, liñas programáticas, obxectivos ou medios de calquera centro, así como a información relativa aos seus programas e áreas de actividade. Deste xeito, haberá un para os museos, diferenciados pola súa área de documentación, conservación e investigación, e outro para coleccións museográficas e centros de interpretación do patrimonio cultural que contarán cos contidos axeitados ás súas categorías.

O Plan incorporará tamén un programa de inclusión cultural, que inclúe as medidas previstas para o acceso universal aos bens culturais e aos coñecementos asociados a eles, como o grao de accesibilidade física, comunicativa, o aparcamento ou as iniciativas e actividades que fomenten a participación de colectivos en risco de exclusión cultural. Trátase dunha medida na liña da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, unha normativa pioneira en Europa que afonda na eliminación de barreiras físicas, cognitivas, comunicativas, sociais e territoriais.

Neste senso, López Campos apuntou a que a posta en marcha destas medidas ofrecerán “unha maior seguridade xurídica para o sector e a axilización no proceso de cualificación dos centros”, que se normalizará a través da tramitación electrónica. Deste xeito, tal e como explicou, facilítase a incorporación ao sistema de entidades que dispoñen do potencial necesario para ser integradas no mesmo. Así mesmo, a nova regulación, tal e como apuntou, tamén terá un impacto directo a nivel social xa que, ademais de fomentar a universalización do acceso á cultura, será unha ferramenta de dinamización e cohesión e incidirá en aspectos como a xeración de emprego ou a potenciación do turismo.

Cómpre destacar que o Sistema Galego de Centros Museísticos, nos que se inclúen os de titularidade da Xunta rexidos por un decreto propio, conta na actualidade con 71 museos, aos que hai que sumar 23 coleccións museográficas e 4 centros de interpretación do patrimonio cultural, o que conforman un total de 98 centros.

Comparte