Nova: A Xunta organiza obradoiros de arqueoloxía e visitas guiadas nocturnas na primavera activa do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro

10/03/2026

A Xunta organiza obradoiros de arqueoloxía e visitas guiadas nocturnas na primavera activa do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro

A programación inclúe propostas como xogos de pistas, experiencias creativas, actividades artísticas, e ‘escape rooms’ de abril a xuño

Os percorridos comentados nocturnos permitirán descubrir os petróglifos á luz das lanternas ou indagar na tradición oral das rochas

As persoas interesadas en participar deben realizar a reserva previa a través da páxina web oficial do Parque

Campo Lameiro (Pontevedra), 10 de marzo de 2026

A Xunta de Galicia arrinca a temporada de primavera no Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro cunha proposta cultural para todos os públicos que combina obradoiros de arqueoloxía, experiencias creativas e visitas guiadas nocturnas. A programación, que se desenvolverá de abril a xuño, dá comezo en Semana Santa.

Así, durante este período, que vai do 28 de marzo ao 5 de abril, o recinto abrirá as súas portas nun horario especial de 10,00 a 20,00 horas. Neste senso, o calendario de actividades iníciase con O xoeiro da prehistoria, unha proposta para aprender sobre as xoias dos noso antepasados e deseñar pezas con resina e fíos metálicos, que se desenvolverá todos os días ás 11,00 horas. A continuación, será a quenda da xincana Ovos de pascua, que terá lugar polas principais estacións de petróglifos do parque e continuará coa decoración dos ovos en familia. Será os días 2, 3, 4 e 5 de abril ás 17,00 horas.

A axenda continuará coa visita Recunchos do Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre o venres 3 de abril ás 17,30 horas, un percorrido por estacións e lugares que non se ven a miúdo nas visitas regulares da área arqueolóxica. Ese mesmo día, ás 21,00 horas, será a primeira visita nocturna especial baixo o título Cando os cervos perden a coroa, na que será posible descubrir a importancia destes animais nos petróglifos galegos, vendo á luz das lanternas os máis singulares do parque. Cómpre lembrar que as visitas guiadas nesta semana realizaranse todos os días en tres quendas: 12,30, 17,00 e 18,30 horas.

Posteriormente, o parque seguirá a acoller unha variada programación de fin de semana. Os sábados de abril, ás 11,00 horas, será a quenda de Coas mans no barro, un obradoiro para practicar a destreza manual aprendendo como realizaban na prehistoria pequenas pezas de cerámica campaniforme. Neste mesmo mes, os domingos, á mesma hora, a actividade Fiando o pasado permitirá descubrir os segredos da indumentaria e materiais que utilizaban, ademais de experimentar usando un tear e agulla de madeira.

A continuación, no mes de maio, os sábados terá lugar Leva o teu petro!, onde os participantes poderán aprender a diferenciar os símbolos naturalistas e xeométricos nos petróglifos e crear o seu propio, así como a actividade Imos de caza!, na que será posible aprender a usar a azagaia ou o propulsor prehistórico. O calendario mensual completarase coa visita guiada nocturna Noites no PAAR de lendas, o 16 de maio, que xirará en torno á rica tradicional oral das rochas.

Finalmente, no mes de xuño, os sábados, ás 11,00 horas, o recinto acollerá Primeiras cores, onde os participantes poderán experimentar coas súas propias cores e os primeiros graffitis da prehistoria, e os domingos, no mesmo horario, será a quenda de Cantas xoias?, na que será posible coñecer as xoias máis famosas custodiadas polos grandes museos arqueolóxicos e deseñar bisutería con pequenos fíos de metal. O peche final será co recorrido comentado Solsticio en pedra o 20 de xuño.

A axenda destes tres meses da entidade dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude completarase os fines de semana coa escape room O tesouro da Moura e o xogo de pistas O enigma do Gran Cervo. As persoas interesadas en participar nalgunha destas actividades poden realizar a reserva previa a través da páxina web do parque.

Comparte