Nova: López Campos traslada aos alcaldes da Ribeira Sacra as “boas sensacións” recollidas nas “citas claves” da recta final da candidatura a patrimonio mundial
05/03/2026
López Campos traslada aos alcaldes da Ribeira Sacra as “boas sensacións” recollidas nas “citas claves” da recta final da candidatura a patrimonio mundial
O titular de Cultura da Xunta valora como “positivo” o recente encontro en París coa Unesco para “perfilar aínda máis a estratexia de cara á avaliación definitiva en xullo”
Apunta os “resultados satisfactorios” da xuntanza co ministro de Cultura e enxalza o “grande esforzo” de promoción na Feira internacional de Turismo Fitur, en Madrid
Salienta o respaldo que supón contar cun “sólido traballo dos técnicos” para confiar neste recoñecemento internacional
Sober (Lugo), 5 de marzo de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, trasladoulles hoxe aos alcaldes da Ribeira Sacra as “boas sensacións” recollidas ao longo das “citas claves” mantidas na recta final da candidatura deste territorio a Patrimonio Mundial. En concreto, fixo fincapé no recente encontro co subdirector de Cultura da Unesco, Ernesto Ottone, e o embaixador de España ante este organismo, Miquel Iceta, en París, e que valorou como “positivo” para “perfilar aínda máis a estratexia de cara á avaliación definitiva, que terá lugar en xullo en Corea do Sur”.
Así llo salientou nun encontro na localidade lucense de Sober con rexedores das 26 localidades de Lugo e Ourense que integran o territorio da candidatura Ribeira Sacra. Paisaxe da auga, no que estivo acompañado polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes.
Nesta xuntanza, o titular de Cultura do Goberno galego tamén lles informou dos “satisfactorios resultados” da reunión mantida co ministro de Cultura, Ernest Urtasun, para “coordinar conxuntamente actuacións de diplomacia e promocións que permitan ofrecer o máximo impulso á candidatura nestes últimos meses antes da gran decisión que terá lugar na cidade coreana de Busán”. Ao respecto, López Campos incidiu na importancia destas citas para “preparar a conciencia e con rigorosidade unha consistente folla de ruta para os vindeiro meses”.
Pasos decisivos na recta final
“Estamos ante unha etapa decisiva á que nos enfrontamos coa tranquilidade e seguridade que dá contar cunha candidatura madura, sólida e arroupada non só polo Goberno central, senón por toda a comunidade, veciñanza, axentes locais e institucións da zona”, aseguroulles López Campos, quen tirou proveito deste encontro cos rexedores para trasladarlles o agradecemento da consellería, en particular, e de todo o Goberno galego, en xeral, “pola total entrega e desde o primeiro momento” coa proposta Ribeira Sacra: Paisaxe da Auga.
López Campos incidiulles en que ao longo de este proceso a Xunta proxectou a candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga baseándose nos atributos “excepcionais e únicos” deste territorio, “sobradamente coñecidos por todos vós, férreos defensores e embaixadores deste patrimonio”. Neste senso, salientou como se ten difundido esta paisaxe “construída co uso da auga dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial”, remarcou.
Protagonismo da candidatura en Fitur
Nesta liña, puxo en valor todo o traballo de promoción que se está a levar a cabo, facendo fincapé no desenvolvido na recente Feira internacional de Turismo Fitur, en Madrid, “na que participaron 255.000 visitantes profesionais de 156 países de todo o mundo”. O representante da Xunta enxalzou o “grande esforzo” realizado polo Goberno galego para “pór no foco e co protagonismo que merecía e merece a candidatura”.
Deste xeito, López Campos explicoulles que tamén nesta feira internacional do sector do turismo a Xunta “deixou constancia do carácter único da Ribeira Sacra, amosando a espectacularidade dos canóns e vales fluviais esculpidos pola auga ata o relevante do seu patrimonio hidráulico, con infraestruturas que teñen chegado aos nosos días desde a revolución tecnolóxica medieval con muíños, centrais ou os saltos impresionantes de auga”.
Por estes motivos, e pola “boas impresións cara á candidatura recibidas no proceso”, o representante do Goberno galego reiterou que a Xunta está confiada en que a Ribeira Sacra se faga co “merecido e honroso recoñecemento internacional”, ao tempo que se amosou “máis que satisfeito” co traballo realizado, ata o momento, polos técnicos do Goberno galego e o Ministerio de Cultura, “sempre co voso inquebrantable apoio”, agradeceulles aos alcaldes para rematar. “Un compromiso compartido e colectivo que agradecemos sinceramente e que estamos convencidos de que se manterá nestes momentos decisivos”, concluíu.

