Nova: A Xunta leva a Guitiriz a exposición de rúa ‘Botamos un baile?’ para pór en valor a historia das orquestras de verbena en Galicia

03/03/2026

A Xunta leva a Guitiriz a exposición de rúa ‘Botamos un baile?’ para pór en valor a historia das orquestras de verbena en Galicia

O proxecto nace a raíz dunha mostra que acolleu a Biblioteca de Galicia en 2023, agora adaptada a un formato de rúa que está a viaxar por vilas da Comunidade

A proposta fai un percorrido polas transformacións históricas das formacións musicais populares galegas desde principios do século XX ata a actualidade

‘Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia’ enmárcase nas itinerancias da Cidade da Cultura, que nutren outros lugares de contidos que se xestan no Gaiás

Guitiriz (Lugo), 3 de marzo de 2026

 A  directora-xerente da Fundación da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, inaugurou hoxe a mostra Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia, que exhibe a evolución destas agrupacións desde principios do século XX ata a actualidade. O proxecto, que se enmarca dentro das itinerancias expositivas do Gaiás, pode visitarse no Campo da Feira de Guitiriz ata o 25 de marzo.

No acto de apertura, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude explicou que a mostra afonda nas transformacións históricas e culturais das formacións musicais populares galegas ao longo do tempo. Neste senso, destacou o grande impacto económico, social e cultural “dunhas agrupacións que mobilizan cada ano a milleiros de persoas, así como da influencia que teñen na música galega actual”.

Así mesmo, precisou que este proxecto nace dunha exposición que acolleu a Biblioteca de Galicia en 2023 e fai un repaso a un tema con fonda pegada na sociedade galega, pero pouco analizado academicamente. Na mesma liña, Ana Isabel Vázquez sinalou a importancia de “achegar esta mostra a toda a sociedade para pór en valor o legado cultural das orquestras de verbena na nosa Comunidade”.

Guitiriz convértese na cuarta vila galega en acoller a exposición Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia, nas que pasou por Ponteareas, Baiona e Ribadavia,  no marco do programa de itinerancias da Cidade da Cultura, que ten como finalidade levar a outros lugares de Galicia e España contidos culturais que se xestan no Gaiás. Ao respecto, cómpre lembrar que en 2025 realizáronse 11 proxectos que acadaron máis de 60.000 visitantes e que para este ano están previstas, a día de hoxe, 10 exposicións.

Un século de orquestras de verbena en Galicia

A mostra está baseada nun estudo da Universidade de Santiago titulado Do palco ao escenario, coordinado por Xaime Fandiño e do que son partícipes Zósimo López e Henrique Neira, comisarios desta exposición. Cun deseño de Fausto Isorna, conta a evolución da verbena galega ao longo dun século amosando imaxes de programas de festas, fotografías e, sobre todo, carteis de estilos moi diferentes. A través destas pezas pódese apreciar a adaptación a cada época dun xeito de lecer arraigado en Galicia, cun tecido económico propio do sector, en constante desenvolvemento e innovación.

As verbenas galegas adquiriron personalidade propia ao longo do século XX, vendo como as gaitas do país e as bandas de música incorporaron ritmos importados de América como o charleston, o fox-trot ou o jazz. A súa expansión consolidouse tras a Guerra Civil, coa recuperación das festas de barrios nos anos 40, e viviu un grande auxe nos 80 grazas á visibilidade da Radio Televisión de Galicia.

Nos anos 90, o sector afrontou unha crise marcada pola competencia das discotecas e macroconcertos, que obrigou ás orquestras a reinventarse cun enfoque centrado no espectáculo. Entre 2012 e 2019, adaptáronse aos gustos da mocidade e renovaron os seus formatos. A pandemia de 2020 supuxo un novo reto, pero tamén deu paso a propostas musicais que reivindican a verbena como parte esencial da identidade cultural galega.

Comparte