Nova: López Campos salienta que a Xunta afronta “con optimismo e confianza” a recta final da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial

21/01/2026

López Campos salienta que a Xunta afronta “con optimismo e confianza” a recta final da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude explica en Fitur, a Feira Internacional de Turismo en Madrid, os últimos avances de cara á avaliación final en xullo deste ano

O representante do Goberno galego reunirase mañá co ministro Ernest Urtasun para abordar o estado da proposta e fixar a folla de ruta conxunta para os vindeiros meses

Lembra que a proposta céntrase nos atributos especiais desta paisaxe que abrangue 26 municipios de Lugo e Ourense e que o dotan dun “valor universal e excepcional”

Destaca o esforzo por parte do Executivo galego nestes concellos con preto de 8 M€ para a posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais durante estes últimos anos

Madrid, 21 de xaneiro de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou hoxe que a Xunta afronta “con optimismo e confianza” a recta final da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial. Fíxoo nunha presentación no expositor de Galicia na Feira Internacional de Turismo, xunto co consorcio de Turismo Ribeira Sacra, e onde se amosou “máis que satisfeito” co realizado ata o momento polos técnicos do Goberno galego e o Ministerio de Cultura e avanzou os últimos pasos para chegar “coas máximas garantías e a mellor estratexia posible” á avaliación final de xullo deste mesmo ano.

“Estamos convencidos do valor deste territorio e, por iso, confiamos en que acade o merecido recoñecemento”, aseverou López Campos sobre candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga, onde fixo fincapé en que o Goberno galego cumpriu “rigorosamente cos trámites, documentación e tempos exixidos e segue a facelo con últimos procedementos”, en referencia aos previstos para este semestre.

Deste xeito, lembrou que o pasado mes de novembro unha delegación da Xunta e do Ministerio de Cultura entrevistouse en París cun comité de expertos da Unesco de cara a ampliar e aclarar cuestións do expediente presentado, “que serán presentadas  antes do 27 de febreiro”, adiantou. Ademais, López Campos avanzou que mañá mesmo se reunirá co ministro de ministro de Cultura, Ernest Urtasun, co obxecto de abordar o estado da candidatura e establecer unha folla de ruta conxunta para os vindeiros meses. Así  mesmo, tamén está prevista celebrar unha xuntanza en febreiro co subdirector da Cultura da Unesco, Ernesto Ottone, e o embaixador de España ante este organismo internacional, Miquel Iceta.

“Estamos, de novo, perante pasos claves aos que nos enfrontamos coa tranquilidade e seguridade que dá contar cunha candidatura madura, sólida e arroupada non só polo Goberno central, senón por toda a comunidade, veciñanza, axentes locais e institucións da zona”, asegurou López Campos, quen tamén lles agradeceu nesta presentación en Fitur “a total implicación e desde o primeiro momento” coa proposta Ribeira Sacra: Paisaxe da Auga.

O conselleiro lembrou que a candidatura pon en valor que se está ante un territorio que abrangue 26 concellos das provincias de Lugo e Ourense e que posúe “un valor universal e excepcional”. Consecuentemente, a proposta céntrase en atributos especiais para deixar constancia do seu carácter único, que van desde os canóns e vales fluviais esculpidos pola auga ata o relevante do seu patrimonio hidráulico, con infraestruturas que teñen chegado aos nosos días desde a revolución tecnolóxica medieval con muíños, centrais ou os saltos impresionantes de auga.

Precisamente, o titular de Cultura da Xunta puxo en valor que esta singularidade puido ser comprobada in situ polo observador de Icomos enviado ao territorio “e cuxo expediente complementou o que entregamos a principios da candidatura", precisou. Ao respecto, fixo fincapé en que Ribeira Sacra: Paisaxe da auga presenta unha paisaxe construída co uso da auga “dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial”, argumentou.

Na presentación, ademais do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, tamén participaron o presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacara, Luís Fernández, e os presidentes das Deputacións provinciais de Lugo e Ourense, Carmela López e Luís Menor, respectivamente. Así mesmo, asistiron a conselleira do Medio Rual, María José Gómez, e o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes.

Folla de ruta iniciada en 2017

Finalmente, o conselleiro aproveitou a súa intervención para lembrar o “esforzo e intenso traballo” por parte do Goberno galego con esta candidatura. En concreto, apuntou os preto de 8 M€ que a Xunta ten investido na conservación e posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais deste territorio das provincias de Ourense e Lugo.

Neste senso, precisou que, ao longo deste período, a Administración autonómica executou, en solitario ou en colaboración con outras institucións e concellos, máis de 90 actuacións tanto en materia arquitectónica como arqueolóxica en diferentes bens, como igrexas, mosteiros, museos, castros ou xacementos romanos, entre outros. “Co esforzo e traballo de todos, a Ribeira Sacra conseguiu ser hoxe en día un territorio aínda máis vivo, máis coidado e máis recoñecido e aínda o vai ser máis cando academos este merecido recoñecemento internacional”, concluíu.

Comparte