Nova: A Xunta e Contraproducións inician a xira de 'Memorias dun neno labrego’ tras esgotar todas as entradas para Santiago

21/01/2026

A Xunta e Contraproducións inician a xira de 'Memorias dun neno labrego’ tras esgotar todas as entradas para Santiago

A versión teatral da emblemática obra de Neira Vilas está a acadar un grande éxito de público na súa estadía no Salón Teatro, con todo xa vendido para as 19 funcións que desenvolverá ata o 25 de xaneiro e do 11 ao 15 de febreiro

Nas próximas semanas, o espectáculo do Centro Dramático Galego, tamén poderá verse en Vimianzo, Nigrán, Lugo, Ribeira, Vilalba, Rianxo, Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras e Carballo

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2026

O espectáculo Memorias dun neno labrego, co que a Xunta de Galicia conmemora o 65º aniversario da publicación da emblemática novela de Xosé Neira Vilas e o 10º do pasamento do autor, está a acadar unha gran resposta do público galego, que está a encher o Salón Teatro de Santiago de Compostela en todos os pases desta produción do Centro Dramático Galego e Contraproducións. Coas entradas xa esgotadas para as funcións programadas na sede da compañía pública desde o pasado día 8 ata o domingo 25 e do 11 ao 15 de febreiro, o equipo prepara xa o inicio dunha xira que arrancará en nove escenarios das catro provincias.

Cándido Pazó adapta e dirixe esta nova versión teatral da historia de Balbino, o rapaz de aldea que é xa un dos personaxes clásicos da nosa literatura. As súas lembranzas percorrerán durante as vindeiras catro semanas Vimianzo (30 de xaneiro no Auditorio Municipal), Nigrán (1 de febreiro no Auditorio Municipal), Lugo (5 de febreiro no Auditorio Municipal Gustavo Freire), Ribeira (6 de febreiro no Auditorio Municipal), Vilalba (7 de febreiro no Auditorio Municipal Carmen Estévez), Rianxo (18 de febreiro no Auditorio Municipal), Monforte de Lemos (19 de febreiro no Edificio Multiusos), O Barco de Valdeorras (20 de febreiro no Teatro Lauro Olmo) e Carballo (21 de febreiro no Pazo da Cultura). O espectáculo continuará xirando nos próximos meses con novas datas que se anunciarán proximamente.

Público doutros 25 concellos

Ao tempo, o Centro Dramático Galego está a recibir no Salón Teatro público chegado doutros 25 municipios como parte da campaña Sobes ao autobús do teatro?, a través da que pon a disposición dos concellos galegos un servizo gratuíto de autocares a Santiago de Compostela para poder gozar das súas producións.

Xúlio Abonjo, Manuel Cortés, Iris Darriba, Mónica García, Federico Pérez Rey, Santi Romay e Ana Santos poñen en escena un espectáculo moi dinámico e para todos os públicos. As lembranzas de Balbino preséntanse nel como a memoria colectiva dunha Galicia rural que se foi diluíndo ou transformando, poñendo en primeiro termo a emoción, pero botando man tamén do humor e da comunicación directa co público.

Completan o equipo Pablo Giráldez “O Pastor” na escenografía e atrezzo, Martina Cambeiro no vestiario e caracterización, Xosé Lois Romero na música orixinal, Afonso Castro na iluminación, Belén Pichel na axudantía de dirección e Mariña Lestón na asistencia a produción, que traballan man a man co persoal técnico do Centro Dramático Galego.

Comparte