Nova: A Xunta destina 200.000 € para actualizar e difundir os fondos dos museos

16/01/2026

A Xunta destina 200.000 € para actualizar e difundir os fondos dos museos

A convocatoria, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, diríxese a concellos e entidades sen fin de lucro titulares de museos, coleccións ou centros de interpretación

Os interesados poden recibir ata 8.000€ para inventariar, catalogar e documentar os fondos, así como para adquirir novo equipamento

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude abre desde hoxe, e ata o 16 de febreiro, o prazo para presentar solicitudes a estas achegas

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2026

A Xunta de Galicia destina 200.000 euros para actualizar e difundir os fondos dos museos, así como para facilitar as tarefas de conservación, investigación e difusión. O Diario Oficial de Galicia publica esta convocatoria que está dirixida a entidades locais e privadas sen fin de lucro galegas, titulares de museos, coleccións museográficas ou centros de interpretación, inscritas no Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia que cumpran cos requisitos establecidos na orde.

Esta liña de axudas, posta en marcha pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, colaborará coa entidades beneficiarias cunha achega máxima de 8.000 euros por proxecto, que en ningún caso poderá exceder o 80% do investimento total aprobado. Con elas, sufragaranse actividades dirixidas a inventariar catalogar e documentar os fondos da colección permanente así como, para a adquisición de equipamento para a conservación preventiva dos fondos. Tamén se apoiarán as accións que sirvan para actualizar a exposición permanente e organizar mostras temporais, deseñar e ofrecer actividades didácticas e de difusión acordes coa súa temática e ámbito de actuación.

Estas achegas, cuxo prazo de solicitudes está aberto desde hoxe ata o vindeiro 16 de febreiro, tamén se centran en apoiar a creación ou renovación das páxinas web dos centros, así como a xeración de coñecemento mediante traballos de investigación, edición e tradución de publicacións científicas e divulgativas, así como impulsar a innovación na xestión do plan de difusión de comunicación dos centros museísticos. 

Promoción do acceso igualitario á cultura

A orde deste 2026 mantén os criterios de valoración do pasado ano, nos que se incluíron dous novos. Deste xeito, continúa a inclusión de actividades para promover a igualdade no acceso á cultura de colectivos en risco de exclusión social e, por outra, o número de habitantes, dando prioridade aos concellos que conten cunha densidade de poboación máis baixa. 

Deste xeito, o Goberno galego dá continuidade ao traballo posto en marcha coa aprobación, o ano pasado, da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, un texto pioneiro en Europa, que busca garantir o acceso á cultura de todas as persoas, eliminando barreiras físicas, cognitivas, comunicativas, sociais ou territoriais. Así como ao seu compromiso co impulso dos centros museísticos tras a aprobación, en 2021, da Lei de Museos de Galicia coa que se está a mellorar a coordinación das políticas públicas de xestión das 97 institucións museísticas rexistradas na nosa Comunidade. 

Comparte