Nova: Rueda defende a protección e difusión da cultura galega como unha prioridade e un esforzo compartido entre administracións e institucións

08/01/2026

Rueda defende a protección e difusión da cultura galega como unha prioridade e un esforzo compartido entre administracións e institucións

Agradece o traballo do Consello, protagonista no ciclo de esplendor cultural sen precedentes que está a atravesar a nosa comunidade

De cara ao 2026, desexa os maiores éxitos ao noso audiovisual nos premios Goya e nos Óscar e reivindica que este sexa o ano do recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu hoxe que protexer e difundir a cultura galega debe ser unha prioridade e un esforzo compartido entre administracións e institucións.

Así o afirmou durante a súa intervención no primeiro pleno do ano do Consello da Cultura Galega, no que estivo acompañado do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e onde o titular do Executivo galego agradeceu o traballo do Consello, protagonista no ciclo de esplendor cultural sen precedentes que está a atravesar a nosa comunidade.

O presidente tamén tivo palabras para salientar a vitalidade dun sector que segue medrando e que tamén é parte da marca Galicia Calidade, impulsado polo talento dos creadores e creadoras galegas.

De cara ao 2026, o titular do Goberno galego desexou os maiores éxitos ao noso audiovisual nos premios Goya e tamén nos Óscar, aos que opta o filme Sirat. Así mesmo, tamén reivindicou que este sexa o ano do recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial.

Ademais, Rueda exemplificou o traballo do Goberno galego no eido cultural, salientando a Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia ou o Pacto pola Lingua, coa elaboración dun novo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega desde o consenso social e político.

Balance do ano 2025

 No seu balance do pasado ano 2025 na cultura galega, o presidente salientou, por exemplo; o Premio Nacional de Poesía de Miriam Reyes; o Grammy Latino ao mellor álbum de música clásica (Kaleidoscope) da pianista compostelá Isabel Dobarro; os recoñecementos ao sector audiovisual co filme Sirat; ou o Premio Nacional de Circo á compañía galega Pistacatro.

Ademais, Rueda tamén se referiu á grande oferta de festivais e concertos que hai en Galicia, así como á Cidade da Cultura como organismo fundamental do noso sector cultural.

Comparte