Nova: A Xunta patrocina 12 novos concertos de música galega no circuíto estatal AIEnRUTa con Mad Martin Trio, Eladio y Los Seres Queridos e De Ninghures

08/01/2026

A Xunta patrocina 12 novos concertos de música galega no circuíto estatal AIEnRUTa con Mad Martin Trio, Eladio y Los Seres Queridos e De Ninghures

A colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con esta iniciativa da Sociedade de Artistas Intérpretes ou Executantes garante a presenza de tres proxectos galegos en cada semestre de programación

As actuacións de Mad Martin Trio mañá en Tafalla e o sábado en Logroño abren estas tres xiras estatais, que se estenden por Huesca, Alacante, Bilbao, Oviedo, Palencia, Valladolid, Madrid, Donostia e Barcelona

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2026

O circuíto estatal AIEnRUTa-Artistas inicia a súa nova programación coa participación das bandas galegas Mad Martin Trio, Eladio y Los Seres Queridos e De Ninghures, que ata o mes de xuño ofrecerán unha ducia de concertos por salas de toda España. A iniciativa, organizada pola Sociedade de Artistas Intérpretes ou Executantes (AIE), conta co patrocinio da Xunta para garantir a presenza de tres artistas ou bandas de Galicia en cada quenda de programación semestral.

Esta colaboración do Goberno galego insírese, á súa vez, no conxunto de accións de promoción e intercambio desenvolvidas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para impulsar a circulación e o posicionamento dos nosos grupos e artistas no panorama estatal e internacional.

Os concertos galegos desta primeira metade do ano arrancan mañá venres 9 en Tafalla (Navarra) con Mad Martin Trio, que tamén tocará o sábado 10 en Logroño, o 7 de marzo en Huesca e o 18 de marzo en Alacante. Pola súa banda, Eladio y Los Seres Queridos actuará en Bilbao o 20 de febreiro, en Oviedo o 21 de ese mes, en Palencia o 17 de abril e en Valladolid o 18; mentres De Ninghures levará o seu directo a Bilbao o 27 de febreiro, Madrid o 10 de abril, Donostia o 17 dese mes e Barcelona o 29 de maio.

Mad Martin Trío é unha das bandas máis sólidas do rock and roll clásico da escena galega e estatal, recoñecida pola potencia do seu directo, mentres que Eladio y Los Seres Queridos celebra 20 anos de traxectoria como unha das formacións máis estables do pop galego con gran proxección e cun repertorio construído ao longo de seis discos. De Ninghures, unha das referencias da escena galega actual, combina a música tradicional con ritmos doutras culturas e presenta novo espectáculo baixo o título Feira.

No anterior semestre, a representación galega en AIEnRUTa-Artistas estivo a cargo de The Rapants, Boyanka Kostova e Kyr4, con actuacións xa celebradas en León, Barcelona, Valladolid, Madrid, Cáceres, Zaragoza, Zamora, Málaga, Sevilla, Murcia e Oviedo.

Con 20 anos de historia, este programa estatal e pioneiro no ámbito da música en directo naceu para facilitar o intercambio cultural entre comunidades e soster un circuíto estable de salas. Desde a súa posta en marcha, ten organizado preto de 5.500 concertos, con máis de 1.000 artistas e grupos, en máis de 550 locais e 140 cidades.

Comparte