Nova: Rueda celebra a inauguración do Museo Diocesano como un novo fito que reforza a Santiago como referente do turismo cultural e espiritual

08/01/2026

Rueda celebra a inauguración do Museo Diocesano como un novo fito que reforza a Santiago como referente do turismo cultural e espiritual

Salienta que este novo espazo que, xunto ao Museo da Catedral e o das Peregrinacións, “será clave para seguir entendendo, interpretando e gozando o fenómeno xacobeo”

Subliña que o Camiño vén de pechar un 2025 “histórico”, con máis de 530.000 compostelas entregadas e un crecemento consolidado dos peregrinos internacionais

O Goberno galego ten posto xa o foco no Xacobeo 2027, preservando sempre a esencia da peregrinación e fomentando un modelo respectuoso e sostible que beneficie a todos os sectores económicos

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá na inauguración do novo Museo Diocesano de Santiago, un proxecto que cualificou como unha peza fundamental para “completar a experiencia dos visitantes e peregrinos que chegan á capital galega”. Así, destacou que esta nova infraestrutura “reforza a Santiago como un destino de referencia do turismo cultural e espiritual”, poñendo en valor “un dos patrimonios máis significativos de Galicia”.

​O titular do Executivo autonómico felicitou ao Arcebispado e á Fundación Catedral por impulsar, a través do programa Compostela Sacra, este centro museístico tras a reapertura o pasado abril da igrexa de San Martiño Pinario. Tal e como apuntou Rueda, o novo museo integrarase plenamente no Sistema Galego de Centros Museísticos e será, xunto ao Museo da Catedral e o das Peregrinacións, “clave para seguir entendendo, interpretando e gozando o fenómeno xacobeo”.

Neste sentido, asegurou que esta nova instalación contribúe a “engrandecer a marca Galicia Calidade da que nos sentimos tan orgullosos; unha historia e unhas raíces que nos fan únicos e que son a nosa mellor carta de presentación ante o mundo”.

Récord de peregrinos en 2025

​O presidente aproveitou a súa intervención para facer referencia ao número de peregrinos que chegaron a Compostela o pasado ano, o cal cualificou de "histórico". Segundo os datos oficiais da Oficina do Peregrino, o Camiño pechou 2025 con 530.987 compostelas entregadas, o que supón un crecemento do 6% respecto ao ano anterior.

​Así, Rueda asegurou que estes datos acreditan que “o Camiño está máis vivo que nunca” e que “ten aínda un enorme horizonte por diante”. Á súa vez, salientou a súa internacionalización –o 57% dos peregrinos proceden xa de fóra de España–; a súa diversificación, xa que, aínda que o Camiño Francés segue a ser o emblema, rutas como o Camiño Portugués da Costa medran a un ritmo espectacular; e a súa desestacionalización, debido ao incremento de visitantes en meses como xaneiro (+31%) ou abril (+28%).

Horizonte Xacobeo 2027

​Con estas cifras como aval, o presidente do Executivo autonómico sinalou que Galicia xa traballa intensamente na preparación do Xacobeo 2027, un reto que cualificou de "maiúsculo". O obxectivo da Xunta é xestionar a chegada de peregrinos preservando sempre a “esencia da peregrinación, a súa hospitalidade e as súas tradicións, os nosos valores diferencias”, e fomentando un modelo respectuoso e sostible que “sexa un motor para toda Galicia”.

​O proxecto do Museo Diocesano tamén mira a ese horizonte, xa que conta cunha segunda fase proxectada para o Ano Santo 2027 centrada no nacemento do fenómeno xacobeo.

Comparte