Nova: A Xunta trasládalles os obxectivos da figura de itinerario cultural de interese autonómico ás rutas susceptibles de ser recoñecidas
30/12/2025
A Xunta trasládalles os obxectivos da figura de itinerario cultural de interese autonómico ás rutas susceptibles de ser recoñecidas
A tipoloxía recoñecerá vías que, sen contar cos criterios esixidos para ser Camiño de Santiago, poden contar cunha especial atención por parte das administracións
Os camiños da Geira ou dos Arrieiros, o de Muxía por Brandomil, o do Mar, o de Mariñán, o Miñoto Ribeiro, o de Muros-Noia, o de San Rosendo, e a Vía Künig son as primeiras candidaturas para acadar esta categoría
Anxo M. Lorenzo e Ángel Miramontes destacan que son trazados de especial relevancia para a difusión e promoción da cultura e identidade en todo o territorio
Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025
A Xunta de Galicia trasladoulles hoxe os obxectivos da creación da figura de itinerario cultural de interese autonómico ás rutas susceptibles de ser recoñecidas en 2026 con esta nova figura. Así o fixeron o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e de Patrimonio, Ángel Miramontes, na reunión mantida hoxe coas asociacións e colectivos que teñen desenvolvido un amplo traballo de documentación para dar a coñecer estes percorridos singulares.
Ambos os dous representantes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convocaron a representantes de asociacións e colectivos vencellados cos camiños da Geira ou dos Arrieiros, o de Muxía por Brandomil, o do Mar, o de Mariñán, o Miñoto Ribeiro, o de Muros-Noia, o de San Rosendo, e a Vía Künig. Trátase de trazados que, a través da historia, tradición e patrimonio, promoven e divulgan a cultura, o desenvolvemento sustentable e a cohesión en diferentes puntos do territorio, nomeadamente en aqueles que se atopan en risco de exclusión cultural polas súas condicións xeográficas e sociais.
Neste encontro, os directores xerais de Cultura e Patrimonio explicáronlles a estas entidades que, con esta nova tipoloxía, a Xunta vai recoñecer rutas que, sen contar cos criterios esixidos pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia para ser declarados Camiño de Santiago, “si reúnen as condicións necesarias para ser consideradas relevantes e dispor dunha especial atención por parte das administracións públicas”.
Neste senso, valoraron que esta é unha medida que dá resposta ás demandas destas asociacións e entidades vencelladas con estas rutas, “ao igual que a dos concellos aos que tamén se lles deu conta de primeira man da creación desta nova figura”, lembraron en referencia á reunión da pasada semana con representantes dos municipios por onde transcorren vías afectadas por este novo recoñecemento.
Precisamente, Anxo M. Lorenzo e Ángel Miramontes explicáronlles que a creación desta figura é posible tras a modificación da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia feita a través da Lei de acompañamento aos Orzamentos 2026. Trátase duns cambios cos que o Executivo autonómico dá sustento legal á posta en marcha desta nova categoría que, posteriormente, se desenvolverá a través dun decreto no que quedarán fixados os criterios e as medidas específicas de protección, divulgación e apoio. Isto vai permitir que estas vías sexan obxecto de especial atención por parte das administracións públicas á hora de planificar programacións culturais, convocar axudas e deseñar medidas de posta en valor.
Texto pioneiro en Europa
A Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, na que se incluirá esta nova figura, foi impulsada pola Xunta para garantir o acceso á cultura de todas as persoas, eliminando as barreiras físicas, cognitivas, comunicativas, sociais ou territoriais. Está en vigor desde principios deste ano despois de que fose aprobada sen ningún voto en contra.
Trátase dun texto pioneiro que, por primeira vez en Europa, regula o dereito de acceso á cultura desde a perspectiva da inclusión e da accesibilidade e que abrangue dúas perspectivas referidas á participación na vida cultural. Por un lado, o acceso aos servizos e produtos culturais para todos. E por outro, a vertente creadora, visibilizando o talento de persoas con menos oportunidades para mostrar as súas calidades.
