Nova: A convocatoria para a promoción do talento abre con 176.000 euros o programa de axudas que a Xunta destinará ao sector audiovisual en 2026
16/12/2025
A convocatoria para a promoción do talento abre con 176.000 euros o programa de axudas que a Xunta destinará ao sector audiovisual en 2026
O Diario Oficial de Galicia publica as bases desta liña de apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Propiciará a materialización de oito novas curtametraxes e tres longas de autoría novel en lingua galega
Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2025
A Xunta de Galicia continuará en 2026 a promover o talento audiovisual galego coa reedición da convocatoria específica de subvencións que contribuirá a materializar 11 novas curtas e longametraxes en versión orixinal galega. Tal como se recolle nas bases publicadas hoxe o Diario Oficial de Galicia, esta liña de apoio, coa que se abre o programa de axudas ao sector para o vindeiro ano, dirixirá 176.000 euros á realización de seis curtametraxes con 8000 euros por proxecto, á posprodución de dúas curtas con 4000 euros en cada caso e á produción de tres longametraxes de dirección novel con 40.000 euros por filme.
Trátase dunha das liñas de axudas máis lonxevas das que se convocan no seu ámbito a nivel autonómico, coa finalidade de favorecer a incorporación da nova creación á industria profesional. A través delas, búscase dinamizar a xeración de propostas narrativas de especial valor cinematográfico e o enriquecemento cultural de Galicia mediante as distintas formas de expresión audiovisual, ao tempo que se facilita a súa función como instrumento para a promoción da lingua galega.
Para a súa concesión, en réxime de concorrencia competitiva, teranse en conta criterios relacionados coa calidade e creatividade dos proxectos, a viabilidade cinematográfica ou a contribución cultural no ámbito de Galicia. No caso das propostas de posprodución de curtas e de produción de longametraxes, valorarase tamén o potencial de circulación das películas, así como o seu plan de lanzamento e de difusión.
Estas subvencións, que poden solicitarse ata o 16 de xaneiro, enmárcanse na planificación anual de axudas ao sector que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. Este programa, para o que en 2026 está previsto un investimento global de máis de 6,5 M€, abrangue as diferentes fases do proceso audiovisual: desde o xermolo dos proxectos ata a súa chegada ás pantallas, pasando pola produción, rodaxe, difusión ou comercialización.
As tres longametraxes subvencionadas pola liña de promoción do talento audiovisual galego en 2025 foron Lección de botánica, de Xiana do Teixeiro; Os Salmos, de Pablo Dopazo, e Almas ao unísono, de Pablo Gómez Sala e Sara Blas Bolonio. As curtas en proxecto beneficiarias foron Acusgramas e transgrafías, de Belén Cordero Rodríguez; Pedras, de Martín Romero Outeiral; Auras. Visións de cegueira, de Nela Fraga Rivas; Viaxe ao infinito, de David Fidalgo Omil; Ardente Garañón, de Anxo Soilán Lage; A segunda man, de Alba Domínguez Serén; Quintana Martelo, de Martela Films, e Plumass, de Cru Producións, estas dúas últimas para a fase de posprodución.
