Nova: A Rede Galega de Teatros e Auditorios achégalle unha ducia de propostas escénicas á nova programación cultural do concello de Ames
15/12/2025
A Rede Galega de Teatros e Auditorios achégalle unha ducia de propostas escénicas á nova programación cultural do concello de Ames
O circuíto autonómico, cofinanciado polo Goberno galego e os escenarios adheridos, pechará 2025 con 560 funcións de 198 formacións profesionais en 43 concellos, cun investimento conxunto superior aos 2M€
A carteleira amesá, repartida entre os auditorios de Bertamiráns e do Milladoiro, inclúe títulos como ‘As Gardiás’, ‘Iribarne’, ‘As formas do amor’, ‘Berenguela na gaiola’, ‘O libro da selva: o musical’, ‘Variedades Pistacatro’ ou ‘Ictus’
Ames (A Coruña), 15 de decembro de 2025
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu hoxe a presentación da carteleira escénica do Concello de Ames para o primeiro semestre de 2026, á que a Xunta de Galicia contribúe co cofinanciamento dunha ducia de citas programadas como parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Espectáculos como As Gardiás, Iribarne, As formas do amor’, Berenguela na gaiola, O libro da selva: o musical, Variedades Pistacatro ou Ictus (a derradeira leición de anatomía do Dr. Castelao) forman parte da oferta que arrancará o vindeiro 23 de xaneiro e se estenderá ata maio.
No acto participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen incidiu na importancia de deslocalizar a programación cultural das grandes cidades para garantir a igualdade de acceso a unha actividade estable e de calidade, diversa e pensada para públicos distintos ao longo de todo o ano.
Sutil lembrou que a Rede Galega de Teatros e Auditorios é un circuíto autonómico cofinanciado polo Goberno galego en colaboración coas entidades locais adheridas e sinalou que pechará 2025 con 560 funcións ofrecidas por 198 formacións profesionais en 43 concellos, cun investimento conxunto superior aos 2M€. En representación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, subliñou que estes datos amosan a capacidade do circuíto para soster a actividade profesional e consolidar un mapa cultural para todo o territorio, ao tempo que destacou a calidade e diversidade das propostas presentes na programación. Ademais, destacou a súa evolución positiva nos últimos anos en canto ás cifras de público, xa que se pasou de máis de 80.000 persoas en 2019 a rebordar 100.000 asistentes en 2024.
Carteleira con variedade de formatos e públicos
A nova programación para Ames no primeiro semestre de 2026, que se desenvolverá nos auditorios da Casa da Cultura de Bertamiráns e na do Milladoiro, traza un percorrido amplo polas artes escénicas, con propostas pensadas para públicos diversos e cunha combinación de linguaxes e estilos que abrangue desde o teatro e a creación contemporánea ata formatos familiares, danza e circo.
Abrirase o 23 de xaneiro en Bertamiráns con As Gardiás, de Teatro de Ningures, Premio da Crítica de Galicia 2025, unha peza sobre coidados e dereitos na vellez na que un grupo de mulleres defende a súa independencia fronte a decisións impostas. No mesmo mes, o día 30, o auditorio do Milladoiro acolle As formas do amor, de Verdeveras Expresións Artísticas en coprodución co Centro Dramático Galego, un reencontro que fala do que queda do amor cando pasa o tempo.
En Bertamiráns, o 8 de febreiro, representarase Iribarne, de Butaca Zero, premiada proposta construída a partir da pegada da figura de Manuel Fraga; mentres que o 27 de febreiro chegará ao Milladoiro Bio Construción, de Ibuprofeno Teatro, unha viaxe entre o absurdo e o surrealismo sobre fracaso, crise ecolóxica e inxustiza inmobiliaria.
O 6 de marzo reparte a súa xornada entre os dous espazos: en Bertamiráns haberá dúas funcións de Berenguela na gaiola, outra coprodución do Centro Dramático Galego, neste caso con Galeatro Producións Escénicas, para dar como resultado un espectáculo familiar arredor da obra orixinal de Manuel María con dramaturxia e dirección de Paula Carballeira; e no Milladoiro representarase Sen lingua (Serea Teatro), un duelo de poder e silencios nunha parella que deixa a unha das partes sen voz. Xa o día 13, Bertamiráns incorpora Riazor Ostia, de Os Náufragos Teatro, con texto e dirección de Gustavo del Río; e o 27 de marzo, no Milladoiro abriranse as portas a O libro da selva: o musical, de Ártika Cía., unha revisión familiar do clásico de R. Kipling con música orixinal en galego.
Para a primavera, o Milladoiro ofrecerá o 10 de abril Alén, de Colectivo Glovo, espectáculo de danza sobre os ciclos da natureza e a memoria do mundo; en tanto que o auditorio de Bertamiráns será ocupado o 17 de abril por Artur Ui, o ovo da serpe, de Talía Teatro, unha lectura épica e crítica sobre os mecanismos do poder e as sombras do autoritarismo. No mesmo mes, o día 24, o Milladoiro recibirá Variedades Pistacatro, de Pistacatro Produtora de Soños, unha proposta de circo asinada pola compañía galega Premio Nacional de Circo 2025.
A carteleira complétase en Bertamiráns os días 8 e 9 de maio con Ictus (a derradeira leición de anatomía do Dr. Castelao) da compañía Chévere, unha indagación na memoria, na identidade e no proceso de reconstruír o que foi esquecido. Na montaxe, a protagonista tenta entender por que asistira ao acto institucional no que se recibía o cadro de Castelao A derradeira leición do mestre, punto de partida para unha investigación persoal que une documentos, voces alleas e lembranzas rotas.
