Nova: Anxo M. Lorenzo destaca o papel dos museos como axentes de cohesión social e cultural do territorio

12/12/2025

Anxo M. Lorenzo destaca o papel dos museos como axentes de cohesión social e cultural do territorio

O Centro Galego de Arte Contemporánea exhibe nunha mostra o relato colectivo tecido pola veciñanza dos barrios próximos ao centro museístico da Xunta

O representante do Goberno galego salienta a contribución da cultura “na construción e persistencia do sentimento de pertenza a unha comunidade”

A proposta pode visitarse ata o 14 de xaneiro, período no que se artellarán diferentes actividades ao seu redor

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe no Centro Galego de Arte Contemporánea a exposición Arquivar para coidar(nos), unha proposta que recompila e exhibe, ata o 14 de xaneiro, o relato colectivo artellado pola veciñanza dos barrios próximos a este centro museístico “para demostrar o relevante papel dos museos como axentes de cohesión social e cultural dos territorios próximos onde se inxiren”.

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude gabou a ”entusiasta implicación” dos veciños dos barrios da Almáciga, Teo, Os Basquiños, Rúa de Abaixo, Santa Clara e San Roque, que achegaron para construír esta experiencia colectiva lembranzas, obxectos e historias. “A través deles temos acceso a unha época, a oficios perdidos ou aínda mantidos, á cultura da reparación, a coidados de proximidade nun compendio de maneiras de vivir en comunidade, que nos dá unha valiosa chave do presente e do futuro”, valorou.

Anxo M. Lorenzo explicou que a mostra é o resultado do taller de participación cidadá, O Forno da Amara, que se levou a cabo no Centro Galego de Arte Contemporánea durante seis meses. Neste período, a veciñanza participou na aprendizaxe de distintas técnicas artísticas para coidar e manipular o arquivo fotográfico e explorar a capacidade das imaxes, o que lles permitiu revisar as súas historias, a través dos seus álbums familiares, e crear novos relatos.

Actividades complementarias

Deste xeito, ao longo de 2025, as persoas que participaron neste proxecto compartiron no centro museístico as fotografías dos seus álbums familiares e recompilaron imaxes e relatos doutros veciños e veciñas. Ademais, para seguir xerando conversa non só co barrio, senón tamén nel, configurárono un arquivo expandido, polo que varios espazos do barrio custodian partes do mesmo, mentres que a Biblioteca do CGAC gardará a copia completa del.

Ademais, o director xeral de Cultura avanzou que durante o período da exposición, este arquivo estará exposto nunha artesa de pan, ademais de destacou que esta proposta se complemente cunha serie de actividades, que inclúen un obradoiro de papaventos, un paseo guiado polo barrio, unha degustación de pans típicos dos fornos da zona e unha proxección con fotografías dos álbums familiares “para proxectar o íntimo como unha peza do relato colectivo de toda a comunidade da que tamén forma parte o Centro Galego de Arte Contemporánea desde hai trinta anos como un veciño máis”, celebrou Anxo M. Lorenzo.

Comparte