Nova: López Campos sinala que o encontro ‘A mente en forma’ sitúa a Galicia “como referente no benestar, a saúde mental e o deporte”

12/12/2025

López Campos sinala que o encontro ‘A mente en forma’ sitúa a Galicia “como referente no benestar, a saúde mental e o deporte”

O obxectivo da iniciativa é fortalecer a colaboración entre os diferentes axentes do ecosistema deportivo galego e inspirar á mocidade a través de exemplos reais

O representante da Xunta sinala a importancia “de poñer en valor a cultura do coidado e normalizar recursos como a psicoloxía deportiva”

O programa inclúe relatorios, mesas redondas e encontros con referentes deportivos como Javier Gómez Noya, que ofreceu o relatorio inaugural

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, erixiu hoxe o encontro A mente en forma como “un espazo que sitúa, unha vez máis, a Galicia como referente no benestar, a saúde mental e o deporte”. Fíxoo, acompañado da delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e da directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, nesta cita que busca poñer en valor a importancia da saúde mental no deporte, inspirar á xuventude a través de exemplos reais e fortalecer a colaboración entre os diferentes axentes do ecosistema deportivo galego.

Así, o representante de Xuventude da Xunta de Galicia explicou que esta iniciativa quere promover os valores vencellados ao deporte como son  a convivencia, o compromiso e “poñer en valor a cultura do coidado, normalizando recursos como a psicoloxía deportiva”. Con este fin, a cita arrincou co relatorio Retos e aprendizaxes dun campión, de Javier Gómez Noya, cinco veces campión do mundo de triatlón.

Seguidamente, é a quenda da mesa redonda A mente no deporte: o que non se ve desde a grada, moderada por Estrella López, actual campioa de  España de Judo, sete medallas en Grand Prix e Grand Slam e psicóloga deportiva. Nela participan Melania Rodríguez, ximnasta dúas veces campioa do Mundo de Doble Mini-Tramp, Víctor Pérez, adestrador do CB Breogán e integrante da selección española sub-19, e Santiago Tarrío, dobre campión do Challenge Tour de Golf.

A programación segue coa mesa redonda Máis que deporte: seguir soñando dentro e fóra do xogo formada por Guille Carracedo, actual campión do mundo coa selección española e campión de Europa de Paddle Surf (2022), Carolina García, bronce no mundial de Alemaña 2023, e Xisela Aranda, sete veces campioa de España de Squash. Continuarase cunha exhibición deportiva e o relatorio Unha historia de primeira con Lucas Pérez, ex-xogador do RC Deportivo. As fotos e autógrafos cos deportistas poñen o punto final á cita.

A organización desta iniciativa encádrase no compromiso do Goberno galego coa promoción do emprego e do talento novo, na que destacan outras iniciativas como o Xuventude Mentoring, que busca mellorar as habilidades e competencias da mocidade galega para a busca de emprego a través de asesoramento personalizado, ou o recentemente celebrado Xuventude na onda, que conecta o talento mozo e os sectores de innovación, ciencia e empresa, favorecendo a creación de sinerxías e novas oportunidades de colaboración.

Comparte