Nova: A Xunta é anfitrioa do IV Encontro da Rede Española de Teatros, Auditorios, Circuítos e Festivais Públicos

10/12/2025

A Xunta é anfitrioa do IV Encontro da Rede Española de Teatros, Auditorios, Circuítos e Festivais Públicos

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2025

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, participou no Museo das Peregrinacións e de Santiago no acto de benvida aos máis de 80 asistentes ao IV Encontro anual da Rede Española de Teatros, Auditorios, Circuítos e Festivais de Titularidade Pública, asociación cultural sen ánimo de lucro constituída por preto de 200 entidades públicas de artes escénicas de todo o territorio nacional e que está a celebrar os seus 25 anos de traxectoria a prol da actividade e a formación neste eido.

Xunto a Juan Herrero, actual presidente do colectivo, Sutil recibiu os participantes en calidade de representante da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto autonómico de espectáculos asociado á devandita rede estatal. Ao longo da xornada trataranse asuntos de interese común para o sector, tales como a accesibilidade nos espazos escénicos ou os desafíos contemporáneos das administracións públicas. Tamén se  abordarán, de xeito retrospectivo, os logros acadados no último cuarto de século pola entidade como principal plataforma asociativa do sector público de exhibición das artes ao vivo en España.

Comparte