Nova: A Xunta e o Museo Provincial de Lugo promoven a creación dos xemelgos dixitais de dúas esculturas de Asorey exhibidas na Cidade da Cultura

10/12/2025

A Xunta e o Museo Provincial de Lugo promoven a creación dos xemelgos dixitais de dúas esculturas de Asorey exhibidas na Cidade da Cultura

As obras ‘Ofrenda a San Ramón’ e ‘San Francisco’ poden admirarse co máximo detalle nas súas versións virtuais desde calquera dispositivo móbil ou ordenador

Os modelos virtuais están realizados con técnicas de fotogrametría de precisión a partir de máis de 1.200 imaxes

Con este traballo amplíase a accesibilidade ao patrimonio cultural galego e favorécese o estudo e conservación das obras

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2025

A Xunta de Galicia e o Museo Provincial de Lugo veñen de completar a dixitalización de dúas das esculturas máis destacadas que se exhiben na mostra Franscisco Asorey, unha recuperación necesaria da Cidade da Cultura. As obras Ofrenda a San Ramón e San Francisco, realizadas en madeira policromada nos anos 1923 e 1926, poden admirarse xa con detalle excepcional e en todas as súas dimensións na web de Sketchfab.

Os modelos 3D foron realizados por técnicos do Centro Infográfico Avanzado de Galicia empregando a técnica da fotogrametría de alta precisión. Tomáronse máis de 1.200 imaxes para capturar cada recuncho das esculturas, que foron logo procesadas coa axuda dun software específico co fin de obter o xemelgo dixital de cada peza, tanto en xeometría como en textura e cor.

O traballo de virtualización do patrimonio ten importantes vantaxes tanto desde o punto de vista do estudo e conservación como da divulgación. Os modelos a escala real de alta resolución permiten analizar as obras desde calquera lugar do mundo e facer un seguimento do seu estado ao longo do tempo. Ademais, a fotogrametría é unha técnica non invasiva que pode realizarse sen apenas tocar as obras de arte.

Desde o punto de vista da divulgación, os modelos dixitais favorecen a accesibilidade ao patrimonio para todas as persoas, con independencia do seu lugar de residencia, empregando tan só un dispositivo móbil, tableta ou ordenador. Ademais, poden ser integrados nos propios museos, onde as persoas visitantes poderían observar as pezas desde calquera ángulo, achegándose se é preciso para ver ata o último detalle.

No caso da Ofrenda a San Ramón, a versión virtual permite contemplar tamén a súa estrutura interna, revelando a forma e vetas naturais do tronco a partir do cal Asorey tallou o corpo, así como o traveseiro que sostén a segunda peza desde a que foi realizada a cabeza.

Ofrenda a San Ramón e San Francisco, que custodia orixinalmente o Museo Provincial de Lugo, exhíbense ata o 5 de abril de 2026 no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura como parte da exposición que a Xunta de Galicia dedica a Francisco Asorey, un dos escultores máis destacados de Galicia e renovador da arte escultórica española do século XX.

Comparte