Nova: A Cidade da Cultura bate récord co seu programa de itinerancias expositivas con preto de 55.000 visitantes
06/12/2025
A Cidade da Cultura bate récord co seu programa de itinerancias expositivas con preto de 55.000 visitantes
A través destas mostras, a Xunta de Galicia estende a programación cultural do Gaiás a cidades e vilas como Madrid, Zamora, Vigo, Pontevedra, A Coruña, Lugo, Baiona, Ponteareas ou Ribadavia
As itinerancias fornecen de actividade a centros e institucións dentro e fóra da Comunidade co fin de facer a arte accesible a toda a poboación independentemente do seu lugar de residencia
Os 11 proxectos que configuran o programa deste 2025 da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, inclúen fotografía, pintura contemporánea e experiencias inmersivas
Santiago de Compostela, 6 de decembro de 2025
A Cidade da Cultura bate récord co seu programa de itinerancias expositivas con preto de 55.000 visitantes no que vai de ano. En 2025, 11 mostras nadas no Gaiás viaxaron a cidades e vilas como Madrid, Zamora, Vigo, Pontevedra, A Coruña, Lugo, Baiona, Ponteareas ou Ribadavia. Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia fornece de contidos a centros e institucións da Comunidade e leva expresións da cultura propia a outras cidades de España.
Das itinerancias levadas a cabo ao longo deste ano aínda se pode visitar a que foi unha das máis destacadas: Nicolás Muller en Galicia, proposta que estivo primeiro no Museo do Mar de Galicia en Vigo e que agora se exhibe na Sede Afundación en Lugo, onde estará aberta ao público ata o 21 de febreiro.
A exposición amosa fotografías de Nicolás Muller (Hungría, 1913 – Asturias, 2000) realizadas en Galicia durante a segunda metade do século XX. Considerado como un dos grandes fotógrafos documentais do pasado século, viaxou coa súa cámara desde o seu país natal, Hungría, ata Francia, Portugal, Marrocos e España, fuxindo da Segunda Guerra Mundial e na procura da paz e da liberdade.
Viquingos no Museo do Mar de Galicia
Outra das propostas estrela deste 2025 por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude foi Viquingos. Unha ollada desde Galicia, que o Gaiás achegou ao Museo do Mar de Galicia, en Vigo, un retrato da pegada histórica que as incursións nórdicas deixaron no noso territorio. A mostra, conformada por 75 pezas, amosou os múltiples reflexos establecidos por dous pobos e por dúas historias que se enguedellaron entre os séculos IX e o XII: a cultura viquinga, nórdica e conquistadora, e unha Galicia á que os invasores se referían naquela altura como Jakobsland (Terras de Santiago).
Neste obxectivo de achegar contidos a centros culturais máis alá das instalacións do Gaiás están a xogar un papel protagonista as experiencias dixitais, que constitúen unha das liñas de traballo centrais da Cidade da Cultura. Así, Hábitats. Natureza estendida itinerou á Sede Afundación na Coruña, onde obtivo unha extraordinaria acollida por parte dun público que, grazas á tecnoloxía inmersiva, puido gozar dunha viaxe polos principais ecosistemas do mundo.
Pontevedra foi outra das cidades destino dos contidos artísticos que a Cidade da Cultura está a circular. Neste caso, foi a mostra Outras historias posibles, exposta no Café Moderno Afundación, unha proposta que reivindicaba a visibilidade e o talento das mulleres na creación contemporánea galega.
Por outra banda, a exposición fotográfica A Vía da Prata. Aires do Sur viaxou á Casa de Galicia en Madrid e ao Centro Cultural La Alhóndiga en Zamora. Coa súa parada nestas cidades, esta mostra amplía un percorrido que iniciou coa súa estrea no Museo Centro Gaiás en Santiago de Compostela e que a levou despois a Ourense, Cáceres, Madrid e Zamora.
Itinerancias en vilas
Un dos obxectivos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude deste 2025 foi estender as itinerancias alén das sete grandes cidades galegas, incluíndo tamén vilas. Como primeira experiencia, adaptouse a mostra da Biblioteca de Galicia Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia para convertela nunha exposición de rúa que puido visitarse en prazas e espazos públicos de Baiona, Ribadavia e Ponteareas. Tamén o pasado verán, o Mercado Multiusos de Sabarís (Baiona), acolleu outra exposición fotográfica conectada co fenómeno das peregrinacións: O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra.
A Cidade da Cultura emprendeu hai anos un programa de itinerancias que continúa a medrar edición tras edición. Ademais de fornecer de contidos a centros de Galicia e de mostrar propostas culturais galegas noutras partes de España, esta iniciativa contou tamén cunha dimensión internacional. Así, algúns dos proxectos que se xestaron no Gaiás como José Suárez. Uns ollos vivos que pensan; Baldomero Pestana, a verdade entre as mans; ou Foi un home. Laxeiro en América viaxaron a cidades como Toquio, París ou Buenos Aires.


