Nova: López Campos estuda ampliar novas colaboracións en materia de cultura nas Illas Baleares

04/12/2025

López Campos estuda ampliar novas colaboracións en materia de cultura nas Illas Baleares

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude reúnese coa presidenta, Margalida Prohens, e visita institucións culturais, como a Fundación Pilar y Joan Miró

Palma, 4 de decembro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reuniuse hoxe coa presidenta da Illas Baleares, Margalida Prohens, coa que abordou posibles novas colaboracións en materia de cultura con esta Comunidade, na que acaba de inaugurar Jannis Kounellis. Labirinto sen paredes, a primeira exposición temporal conxunta entre o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Es Balauard Museu D’art Contemporani de Palma.

O responsable de Cultura da Xunta de Galicia puido abordar na capital balear estas posibles vías de traballo conxunto nas materias da súa competencia coa máxima responsable do Executivo das Illas, quen tirou proveito desta visita para amosarlle a López Campos os oficios e tradicións vencelladas co rico patrimonio marítimo desta zona mediterránea.

Ademais, o conselleiro visitou outras institucións culturais da capital mallorquina, como a Fundació Pilar i Joan Miró, na que estivo acompañado polo director da Fundación ES Baulard, o galego  David Barro, comisario tamén da mostra sobre Kounellis que poderá verse no centro museístico da Xunta, en Santiago de Compostela, a partir do 25 de setembro de 2026 ata o 21 de febreiro de 2017.

No entanto, ata o 30 de agosto do ano que vén, esta revisión do legado dun dos creadores máis importantes do século  XX e máximo expoñendo da Arte Povera estará exposta no Es Baluard Museu con creacións procedentes de coleccións particulares españolas e internacionais, datadas entre 1993 e 2013.

Comparte