Nova: A Rede Galega de Teatros e Auditorios contribúe con cinco espectáculos á nova temporada escénica do Teatro Principal de Santiago
04/12/2025
A Rede Galega de Teatros e Auditorios contribúe con cinco espectáculos á nova temporada escénica do Teatro Principal de Santiago
O director de Industrias Culturais intervén na presentación da próxima programación semestral de Compostela Cultura, na que se inclúen nove funcións de ‘Reconversión’, ‘BenQuerer’, ‘O dragón de ouro’, ‘A historia vaxenial’ e ‘Artur Ui. O ovo da serpe’
A Xunta cofinancia estas actuacións a través do seu circuíto autonómico, que en 2025 desenvolve 560 actuacións en 43 concellos cun investimento de máis de 2M€
Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2025
A Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto de espectáculos que a Xunta mantén xunto a máis de 40 entidades locais das catro provincias, contribuirá á nova temporada escénica do Teatro Principal de Santiago de Compostela con cinco espectáculos das formacións galegas Ibuprofeno Teatro, Fran Sieira Compañía de Danza xunto a Caamaño&Ameixeiras, Sarabela Teatro, Artyc Content e Talía Teatro.
Así o explicou hoxe o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, durante a presentación da programación de artes escénicas de Compostela Cultura para o primeiro semestre de 2026, na que compartiu mesa con representantes doutras administracións e dalgunhas das compañías que conforman esta nova carteleira, que se desenvolverá tanto no Teatro Principal como no Auditorio de Galicia con 23 propostas e 33 funcións de teatro e danza.
Sutil referiuse especificamente á actividade do Teatro Principal como integrante da Rede Galega de Teatros e Auditorios e lembrou, así mesmo, o impacto cultural deste circuíto autonómico, cofinanciado entre o Goberno galego e as entidades locais asociadas. Como explicou, a través del programáronse este ano 560 funcións de 198 formacións profesionais en 43 concellos, cun investimento conxunto que supera os 2M€.
“Estas cifras confirman a Rede como un mercado interior determinante para a distribución das creacións galegas, que busca garantir unhas óptimas condicións de exhibición e permitir que as compañías cheguen a públicos moi diversos”, engadiu, ao tempo que puxo o foco na “diversidade estética e temática da creación escénica galega actual, que combina memoria, música, danza, humor e reflexión crítica cun compromiso claro co público e co territorio”.
A programación apoiada pola Xunta no Teatro Principal de Santiago arranca con dúas funcións de Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, os días 29 e 30 de xaneiro. A obra, escrita e dirixida por Santiago Cortegoso, conta con oito actores e actrices que, ademais, interpretan en directo unha banda sonora creada especialmente para o espectáculo. Entre o íntimo e o político, a peza recibiu o premio do público da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia polo seu achegamento á historia da reconversión naval na ría de Vigo a través da figura do pai do autor, traballador do estaleiro Ascón durante 30 anos.
Estrea de Fran Sieira xunto a Caamaño&Ameixeiras
Os días 6 e 7 de febreiro, o Principal acolle a estrea de BenQuerer, o encontro escénico entre o bailarín e creador Fran Sieira, un dos nomes destacados da danza galega contemporánea, e o dúo Caamaño&Ameixeiras, recoñecido pola súa reinterpretación da música tradicional e por múltiples premios no ámbito galego e estatal.
O dragón de ouro, de Sarabela Teatro, chegará a Santiago de Compostela o 27 e o 28 de febreiro. A versión galega do texto de Roland Schimmelpfennig, traducido por Catuxa López Pato, presenta un mosaico de personaxes que habitan un edificio no que un restaurante asiático funciona como epicentro de historias cruzadas sobre precariedade, soidade, migración e invisibilidade.
O 6 de marzo será a quenda de A historia vaxenial, VI Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade. A peza producida por Artyc Content retoma o espírito da serie web Historias vageniales, gañadora dun Mestre Mateo, para propoñer unha comedia divulgativa arredor da representación (e omisión) dos órganos sexuais femininos.
A quinta proposta que se poderá ver en Santiago o próximo semestre no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios é Artur Ui, o ovo da serpe, que Talía Teatro ofrece o 26 e o 27 de marzo. Dirixida por Quico Cadaval, a montaxe ofrece unha lectura contemporánea e incisiva do clásico de Brecht sobre os mecanismos que lle permiten ascender ao autoritarismo.
