Nova: López Campos celebra o liderado de Galicia en proxectos artísticos internacionais coa mostra conxunta de Kounellis no Es Baluard Museu de Palma

03/12/2025

López Campos celebra o liderado de Galicia en proxectos artísticos internacionais coa mostra conxunta de Kounellis no Es Baluard Museu de Palma

A Xunta destina preto de 50.000€ a esta revisión do legado do máximo expoñente da ‘Arte Povera’, que poderá verse nas respectivas capitais mallorquina e galega

O proxecto temporal exhibirase no centro museístico da capital de Mallorca ata o 30 de agosto do ano que vén

A continuación, o Centro Galego de Arte Contemporánea acollerá esta instalación, do 25 de setembro de 2026 ao 21 de febreiro de 2027

A iniciativa está deseñada e comisariada polo galego David Barro, actual director do museo mallorquino

Palma, 3 de decembro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, puxo en valor hoxe “o liderado que está a mostrar Galicia en proxectos artísticos internacionais”, tal e como considerou que demostra a exposición temporal conxunta entre o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Es Baluard Museu D’art Contemporani de Palma sobre o artista grego Jannis Kounellis, inaugurada hoxe na capital mallorquina.

O titular de Cultura da Xunta, xunto co conseller de Turismo, Cultura e Deportes das Illas Baleares, Jaume Bouzá, foron os encargados de inaugurar Jannis Kounellis. Labirinto sen paredes, “unha revisión do legado dun dos creadores máis importantes do século XX e o máximo expoñente da coñecida Arte Povera”, salientou López Campos sobre este movemento, caracterizado polo emprego de materiais desbotados e de refugallos.

O conselleiro precisou que o Goberno galego colabora con preto de 50.000€ nun convenio plurianual coa Fundación Es Baluard por valor de 95.785 euros para desenvolver esta iniciativa de “carácter única e específica, xa que está deseñada e producida polos propios centros museísticos para súa exhibición nas súas respectivas instalacións”, explicou.

Deste xeito, apuntou que a mostra poderá verse ata o 30 de agosto do ano que vén no Es Baluard Museu D’ART Contemporani de Palma. Ao respecto, aclarou que se exhibe primeiramente neste espazo, xa que está comisariada polo seu director, David Barro, “quen, ademais de ter orixe galega, ten desenvolvido numerosos proxectos expositivos no mesmo CGAC ao longo da súa traxectoria profesional”. Tras a súa clausura na capital balear, anunciou que a súa instalación será trasladada ao centro museístico da Xunta, “onde abrirá ao público desde o 25 de setembro de 2026 ata o 21 de febreiro de 2027”.

Kounellis no CGAC

López Campos destacou o feito de que a colección do Centro Galego de Arte Contemporánea “posúe xa unha peza moi importante” de Jannis Kounellis, de pegada poética que funciona co rastro do fume de chamas de velas. No entanto, indicou que nunca se chegou a organizar nas súas salas unha exposición monográfica “deste artista crucial da escena internacional da segunda metade do século XX”.

Deste xeito, fixo fincapé en que Jannis Kounellis. Labirinto sen paredes será a primeira colaboración institucional en materia cultural entre as Illas Baleares e Galicia, neste caso vencellada á figura do pintor, escultor e tamén creador de performance.s Para iso, a mostra reunirá unha selección de obras do artista grego, procedentes de coleccións particulares españolas e internacionais, datadas entre 1993 e 2013.

E en concreto, celebrou que este proxecto sexa tamén a primeira colaboración entre o centro museístico do Goberno galego e o Es Baluard Museu, asumindo cada un deles a metade dos gastos comúns que supón a posta en marcha da mostra, que inclúe tamén a publicación de 800 exemplares do catálogo da exposición.

Comparte