Nova: Rueda resalta que Xunta e Deputación de Pontevedra investirán máis de 20,8 M€ en completar a rehabilitación do Teatro cine Fraga de Vigo

01/12/2025

Rueda resalta que Xunta e Deputación de Pontevedra investirán máis de 20,8 M€ en completar a rehabilitación do Teatro cine Fraga de Vigo

"O obxectivo é convertelo nun centro cultural referente de todo o noroeste peninsular”, salienta

O conselleiro de Cultura asegura que se trata “dun proxecto de país” para “devolverlle a cidadanía un edificio emblemático” que leva 20 anos sen actividade

O Consello dá o visto e prace ao convenio para que o Goberno galego achegue o 51 % da contía e o organismo provincial o 49 % restante, segundo a titularidade deste

Tirarase proveito dos 7.000 metros cadrados para ofrecer unha ampla programación que teña en conta as achegas da cidadanía ao longo do proceso participativo

A previsión é poder licitar as obras a mediados de 2026

O inmoble está aberto ao público con visitas comentadas dous días á semana, nas cales xa participaron medio milleiro de persoas

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou asinar un convenio de colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra “para investir máis de 20,8 millóns de euros en completar a rehabilitación do Teatro Fraga de Vigo” co obxectivo de converter este edificio “nun centro cultural referente de todo o noroeste peninsular”.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou que se trata dun “proxecto estratéxico de país” co que se busca “devolverlle a cidadanía un edificio emblemático logo de 20 anos sen actividade” e recuperar un espazo “que forma parte da memoria colectiva de Vigo e de Galicia”.

Este fito será posible logo do visto e prace dado hoxe ao convenio plurianual 2025-2028 mediante o que o Goberno galego achegará o 51 % desta contía e o organismo provincial o 49 % restante, tendo en conta a porcentaxe de titularidade de cada unha das institucións públicas deste icónico inmoble.

O obxecto deste convenio é dar continuidade ás obras xa executadas no proxecto orixinal polo equipo técnico do arquitecto César Portela, autor e propietario intelectual delas, e a quen, consecuentemente, se lle adxudicou por contrato de exclusividade a redacción do proxecto básico e de execución, así como a dirección das novas actuacións.

Precisamente, prevese para abril do ano que vén a presentación do proxecto, co obxectivo, tal e como explicou o presidente, “de poder licitar as obras a mediados de 2026”.

Plan de usos redactado

Deste xeito, a rehabilitación ten por obxecto respectar a intervención xa realizada segundo o proxecto orixinal para converter este edificio emblemático, de 7.000 metros cadrados, no epicentro da innovación cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Cómpre lembrar que o Teatro Cine Fraga conta xa cunhas liñas estratéxicas definidas e un plan de usos perfilado con achegas feitas pola cidadanía a través da campaña, presencial e virtual, O mellor espazo busca o mellor contido.

A finalidade destas actuacións é recuperar o Teatro Cine Fraga para transformalo nun espazo arquitectónico flexible e polivalente que favoreza a produción e experimentación, a través de “obradoiros, laboratorios de ideas ou residencias artísticas”, segundo explicou o conselleiro. Nesta liña, proponse a posta en marcha de residencias artísticas para profesionais locais e tamén de todo o noroeste peninsular, dando pulo e espazo a creadores da cidade e propiciando sinerxías e colaboracións entre artistas do territorio galego, do resto de España e de Portugal.

Visitas comentadas antes de que comecen as obras

Cómpre salientar o interese da cidadanía por este inmoble que se viu reflectido, tanto na alta participación para facer achegas ao seu plan de usos como na numerosa asistencia ás visitas comentadas abertas ao público, que se realizan dúas veces por semana desde mediados de outubro ata xuño do ano que vén e nas que xa participaron medio milleiro de persoas.

Dá testemuño desta expectación polo Teatro Cine Fraga o feito de que as tres quendas das visitas dos mércores esgotáronse en menos dun mes da súa apertura ao público, o pasado 15 de outubro, polo que se procedeu a amplialas tamén aos sábados en tres franxas horarias ao longo do día, que se poden reservar a través de inscrición telefónica.

 

 

Comparte