Nova: A Delegación da Xunta en Lugo reúne 12 agrupacións de acordeón para conmemorar o aniversario da Muralla como Patrimonio Mundial
26/11/2025
A Delegación da Xunta en Lugo reúne 12 agrupacións de acordeón para conmemorar o aniversario da Muralla como Patrimonio Mundial
Lugo, 26 de novembro de 2025
A Delegación Territorial da Xunta en Lugo reunirá o próximo sábado, día 29, a 12 agrupacións de acordeón e dous solistas no primeiro ‘Gran encontro de acordeonistas de Lugo’, unha cita musical que se enmarca nos actos de celebración do 25 aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade.
O evento foi presentado hoxe polo delegado territorial, Javier Arias, e Begoña López, José María Alonso e Isidro Castro en representación do grupo de acordeóns Terras do Miño, organizador do acto en colaboración co Goberno galego.
O encontro comezará ás 12,00 horas coa actuación conxunta de máis de 160 acordeonistas de Galicia, Asturias e Castela e León. A entrada será libre e gratuíta ata completar o aforo. Pola tarde, a partir das 17,00 horas, as formacións volverán actuar, pero nesta quenda xa por separado.
Javier Arias agradeceu á agrupación Terras do Miño, integrada por lucenses que superan os 60 anos de idade, o traballo realizado “para dar forma a este orixinal e grande espectáculo musical” e convidou á cidadanía a asistir a este concerto, “que nos conecta coa nosa cultura, co noso patrimonio inmaterial e co espírito de celebración destes 25 anos da Muralla como símbolo universal”.
