Nova: Anxo M. Lorenzo convida a adentrarse “nun dos eventos espirituais máis extraordinarios e multitudinarios do planeta”
25/11/2025
Anxo M. Lorenzo convida a adentrarse “nun dos eventos espirituais máis extraordinarios e multitudinarios do planeta”
A mostra, situada no Museo das Peregrinacións e de Santiago, amplía as súas visitas ata marzo de 2026
O director xeral de Cultura fai fincapé na “oportunidade desta obra para abrirnos ventás a mundos e realidades afastados”
O catálogo recolle un total de 80 imaxes realizadas polo monfortino Manuel Valcárcel
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, convidou esta mañá aos galegos e galegas “a adentrarse nun dos eventos espirituais máis extraordinarios e multitudinarios no planeta” no marco da exposición Kumbh Mela. O baño da inmortalidade. Fíxoo na presentación do catálogo da mostra, un proxecto fotográfico do monfortino Manuel Valcárcel que amplía a súa estadía no Museo das Peregrinacións e de Santiago ata marzo de 2026.
Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fixo fincapé na “oportunidade que nos ofrece esta obra de abrirnos ventás a mundos e realidades afastados”, mediante un total de 80 imaxes “que documentan á perfección a inmortalidade buscada nas augas sagradas”.
O Kumbh Mela é o maior encontro relixioso de fieis hindús do mundo. Trátase dun acontecemento que congrega máis de 400 millóns de persoas en 45 días, o maior número de peregrinos de todo o planeta, e que peregrina entre catro cidades cada 12 anos e, do que o fotógrafo Manuel Valcárcel deixou constancia. O obxectivo do ritual é bañarse no Río Ganges, Yamuna e o Sarasvati para lavar os pecados a través da limpeza espiritual.
O director xeral tamén destacou “a importancia da peregrinación nesta mostra que permite tecer lazos cunha cultura moi diferente á nosa e fomenta o diálogo entre pobos”. Así, o Museo das Peregrinacións e de Santiago xa acolleu en 2021 Destino, outra das grandes mostras de Manuel Valcárcel sobre temática das peregrinacións.

