Nova: A Xunta presenta os traballos en creación escénica, arquitectura sonora, arte dixital, cerámica e artes visuais froito das residencias artísticas no Gaiás

24/11/2025

A Xunta presenta os traballos en creación escénica, arquitectura sonora, arte dixital, cerámica e artes visuais froito das residencias artísticas no Gaiás

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salienta o alcance deste programa de residencias co impulso a máis de 110 proxectos e 470 artistas nos últimos catro anos

Teatro contra a nostalxia, arquitectura somática, escenografías para o xogo, un atlas escultórico, galeses de porcelana e música cerebral son as seis propostas apoiadas na cuarta edición das axudas REGA da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

O Goberno galego destina nesta convocatoria máis de 62.000 €, recursos técnicos e espazos de traballo para o desenvolvemento de propostas de vangarda

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación dos traballos desenvolvidos nas residencias artísticas da cuarta convocatoria das axudas REGA, impulsadas pola Xunta de Galicia. Ao longo da xornada, o público puido coñecer as seis novas creacións que xermolaron este outono na Cidade da Cultura nos eidos das artes visuais, a creación escénica, a música contemporánea, o deseño e tamén as artes dixitais. Estas residencias son “unha fórmula imprescindible para o afloramento de propostas de vangarda, ao ofrecer os recursos e o tempo necesarios para concentrarse de maneira exclusiva na creación”, asegurou Anxo M. Lorenzo.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude lembrou que cada proxecto “recibiu unha achega económica de 8.000 euros e puido facer uso dos equipamentos técnicos e espazos dun complexo moderno e versátil como a Cidade da Cultura”. O investimento do Goberno galego nas axudas REGA supera este ano os 62.000 euros, e “desde 2021 xa son máis de 470 artistas e 110 propostas as que recibiron impulso nas diferentes modalidades das residencias artísticas no Gaiás”, subliñou.

Un atlas emocional entre Galicia e Reino Unido

A primeira presentación da xornada foi o atlas escultórico Desde a fonte no pobo ata un piso no terceiro nivel, da artista valenciana residente en Baltar (Ourense), Mar Ramón Soriano. A instalación reúne documentos históricos, cerámica, panos pintados e fotografías para revelar os contactos simbólicos e influencias entre o Reino Unido e a Galicia de comezos do século XX.

As fotografías de Ruth Matilda Anderson, a literatura de viaxes escrita por mulleres como a pioneira feminista Annette Meakin, as mans-espiga de Maruja Mallo ou o azul cobalto sobre branco característico da cerámica de Sargadelos son algúns dos elementos que recupera e resignifica na súa proposta.

Tamén vinculado coa cerámica está o proxecto de deseño Azulexería, co que a artesá Loaira Pérez afondou nas relacións entre as belas artes e a arte popular. Inspirada nas cunchas de vieira que recobren as fachadas das casas tradicionais en Arousa, creou unha obra en porcelana translúcida que imita a disposición dos galeses nos muros, montados sobre unha estrutura móbil que permite crear interesantes xogos coa luz.

Experimentación sonora e dixital

O músico e antropólogo asturiano Andrés Rodrigues e o fotógrafo e realizador ourensán Iván Nespereira presentaron Cidade Sonora, un arquivo minucioso da luz e dos sons que se poden escoitar nos edificios da Cidade da Cultura. Os artistas realizaron unha estratificación sonora e visual da arquitectura do Gaiás, como nunha escavación arqueolóxica pero seguindo o camiño inverso, dos sotos e galerías ás baixo cubertas dos tellados. O proxecto revela sons desapercibidos e vibracións inaudibles que permiten ao público experimentar dunha maneira diferente os espazos da Cidade da Cultura.

Pola tarde, o enxeñeiro de son e músico coruñés Alberto Castaño demostrará con Cerebral 4.0 como é posible traducir os impulsos eléctricos do cerebro en ordes conscientes coas que controlar instrumentos musicais virtuais. Trátase dunha proposta vangardista seleccionada na nova modalidade de artes dixitais que combina neurociencia, programación e creación musical para a que contou coa colaboración do artista Óscar Domínguez no apartado visual.

En artes escénicas, Marta Alonso e o seu equipo crearon un laboratorio escenográfico para o xogo e a aprendizaxe, co contraditorio título de Aburrimento. Un espazo onde elementos coma poleas, cordas, tecidos e luces poderán ser intervidos polo público miúdo e adulto para dotalas dun novo significado. A partir das experiencias recompiladas ao longo da residencia agardan seguir a explorar novas formas de crear escenografías interactivas que poidan trasladarse tanto aos escenarios como ás aulas.

A xornada rematará coa estrea da ópera prima teatral do compostelán Antúan Rivas, titulada Dream On. Unha obra que combina as linguaxes da escena e do audiovisual para confrontar ao protagonista coa veracidade da súa propia historia e da de dúas mulleres que o precederon: a súa nai e a súa avoa. A peza preséntase como unha distopía que critica a tendencia a refuxiarse na nostalxia polo tempo non vivido e defende o potencial dos soños para afrontar o presente e construír o futuro.

Comparte