Nova: A Xunta licita as obras da igrexa de San Vicenzo do Grove por máis de 200.000 euros
22/11/2025
A Xunta licita as obras da igrexa de San Vicenzo do Grove por máis de 200.000 euros
O proxecto, que acaba de publicarse no portal de contratación, busca resolver os problemas derivados das humidades co fin de facilitar o uso cultural do inmoble
López Campos reafirma “o compromiso do Goberno galego coa protección e conservación do noso patrimonio”
As obras súmanse á recente inauguración da aula interpretativa do xacemento de Adro Vello, situado ao lado da igrexa
O Grove (Pontevedra), 22 de novembro de 2025
A Xunta de Galicia acaba de licitar as obras de restauración e conservación da igrexa de San Vicenzo do Grove por máis de 200.000€. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha visita a este inmoble na que reafirmou o compromiso do Goberno galego “coa protección do noso patrimonio cultural”.
Tal e como explicou na súa visita o responsable autonómico de Cultura, o obxectivo desta intervención é resolver os problemas de entrada de auga rexistrados nos encontros da cuberta e nas escaleiras da torre do campanario. Así mesmo, o proxecto tamén contempla a mellora da ventilación e dos niveis de salinidade presentes nas fachadas e que están provocados tanto polos rexuntados de cemento como polo vento debido a súa proximidade ao mar.
Para facelo, os traballos, que contan cun prazo de execución previsto de seis meses, inclúen a instalación de chapas de zinc e láminas impermeables, a modificación das carpinterías das fiestras, a dotación de ventilación no baixocuberta ou a renovación dos morteiros de cal tradicional. A intervención complétase coa limpeza das fachadas, a desalazón das zonas alteradas e a consolidación e reintegración daquelas zonas con maior afectación. Por último, incorporarase unha trampilla a saída da escaleira da torre ao campanario que evite a entrada de auga e permita a ventilación.
Cómpre lembrar que a igrexa de San Vicenzo do Grove ergueuse en substitución dunha anterior situada no xacemento arqueolóxico de Adro Vello e aproveitando a pedra desta para a nova construción. Neste senso, o representante da Xunta salientou que estes traballos forman parte do compromiso do Goberno galego con esta parroquia e súmanse á inauguración, este pasado mes de agosto, da aula interpretativa de Adro Vello, preto desta igrexa “e que contribúen a poñer en valor o importante patrimonio co que contamos na nosa comunidade".