Nova: A Xunta anuncia os proxectos gañadores de novela curta, poesía e banda deseñada do Xuventude Crea
22/11/2025
A Xunta anuncia os proxectos gañadores de novela curta, poesía e banda deseñada do Xuventude Crea
Tres proxectos da Pobra do Caramiñal, Ourense e Pontevedra, recoñecidos na categoría de poesía do certame
Na categoría de novela curta, os premiados son tres propostas de Noia, Xinzo de Limia e Culleredo
As iniciativas galardoadas en banda deseñada proceden de Ames, Vigo e A Coruña
Os premiados destas especialidades celebrarán unha mesa redonda na Cidade da Cultura o vindeiro 29 de novembro no marco do encontro ‘Xuventude na onda’
Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2025
A Xunta de Galicia acaba de anunciar os proxectos gañadores de novela curta, poesía e banda deseñada do Xuventude Crea, unha iniciativa que busca estimular a imaxinación, a creatividade e a innovación, así como favorecer e visibilizar o talento da mocidade galega e actuar como impulso económico e plataforma de lanzamento profesional.
Este certame, dirixido á mocidade non profesional entre os 16 e os 30 anos que desenvolve a súa actividade artística en Galicia, pretende ademais fomentar o lecer creativo e saudable entre a xente moza e promover a diversidade artística e cultural.
Poesía
Na categoría de poesía recoñécese o proxecto Soño con días altos, de Ciro Fernández, da Pobra do Caramiñal. Trátase dun poemario conformado por episodios de verán, reflexivos e fondos, que se deixan desfacer e enfiar segundo as palabras se dispoñan para crear narracións lúdicas e sensitivas.
O seguinte galardoado foi Con infusión de llantén, de Clara Pérez, de Ourense, no que se menciona a aversión á ambigüidade como crítica ante o afán social por definir, etiquetar, clasificar, expor ou calcular cada un dos infinitos trazos que nos conforman como seres, invitando ao debate.
A terceira premiada foi As familias de Xian Lois Alcayde, de Pontevedra. A obra propón un percorrido lírico e fragmentario pola memoria persoal e colectiva, evocando os espazos domésticos, as herdanzas afectivas e o paso do tempo, convertendo o cotián nun territorio simbólico onde se mesturan fe, memoria e desexo de permanencia.
Novela curta
Na especialidade de novela curta, o proxecto Nós, os tolos, de Tania Castelo, de Noia, foi o primeiro gañador, cun retrato coral sobre a fraxilidade da mente, contada a través dos ollos de Marta, terapeuta ocupacional que, xunto co seu equipo de saúde mental comunitaria, é testemuña da historia que se agocha tras cada nome.
Seguidamente, recoñeceuse a proposta Goma de borrar, de Laura Valeria Gutiérrez, de Xinzo de Lima, un texto que invita a reflexionar sobre algúns comportamentos de parella e dinámicas. Pola súa banda, Aarón Barreira, de Culleredo, resultou gañador coa iniciativa Os mundos pintados de Marta, na que a pequena Marta atopa unha man amiga na pintura tras sufrir unha gran perda.
Banda deseñada
Na categoría de banda deseñada, a primeira gañadora foi Laura González, de Milladoiro-Ames, coa proposta Os segredos da terra: a nai de Celia de fantasía, aventura e misterio xuvenil. O relato segue a unha rapaza que, cansa de pasar os veráns na calor abafante e o aburrimento da urbe, atopa a oportunidade de pasar un mes na afastada vila da súa tía, onde lle agardan encontros inesperados.
A continuación, recoñeceuse Sinais do comezo, de Pablo Andrés Pereira, de Vigo. A proposta presenta a Xandre, o mozo protagonista, descubrindo algo inquietante no ceo, que lle axudará a cambiar a perspectiva sobre a súa vida e reformular as súas decisións.
Pola súa banda, Luciano Ripio, da Coruña, resultou galardoada por Linguaxe propia, unha creación que fala da natureza das relacións interpersoais, da súa maxia e beleza intrínseca, pero tamén do dor, a perda e o duelo. A mención de honra recaeu na obra Patiñas, de Sara Fernández, de Vigo, unha pequena gran odisea felina pola que deberán pasar Brais e Melisa, os irmáns protagonistas, deseñada pola maxia do destino para facer que aprendan a levarse mellor e traballar en equipo.
Os premiados das especialidades de novela curta, poesía e banda deseñada celebrarán unha mesa redonda na Cidade da Cultura, no marco do evento Xuventude na onda, o día 29 de novembro ás 17,00 horas. Estas son tres das 16 especialidades que compoñen a convocatoria do Xuventude Crea, que este ano segue a consolidar a súa alta participación, volvendo rexistrar ao redor de 600 persoas inscritas. Ademais, cómpre lembrar que o vindeiro 19 de decembro celebrarase na Cidade da Cultura a décimo sexta edición da gala Xuventude Crea, unha iniciativa pola que pasaron máis de 6.000 mozos e mozas desde o seu inicio.
